Viveiro, luns 3 de febreiro de 2020. O Concello de Viveiro estará un ano máis en Xantar 2020, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se celebra en Ourense, para promocionar o seu atractivo histórico e paisaxístico, a Semana Santa e a súa gastronomía.
O concello contará cun stand propio, no que durante os días da feira se difundirá o material de promoción turística do Concello e os folletos remitidos, para este fin, polos establecementos hostaleiros do municipio, ademais de diversos elementos procesionais facilitados pola Xunta de Cofradías da Semana Santa.
A concelleira de Turismo, Marisol Rey, manterá reunións con varios touoperadores e o sábado, ás 13:00 horas na área de degustación, ofrecerase unha degustación gratuíta dunhas 300 racións de dous produtos gastronómicos vinculados a dúas das nosas festas con declaración de interese turístico: a merluza do pincho (cociñada en empanada e salpicón) e o Pan dos Apóstolos (doce típico de Semana Santa).
Antes do inicio da degustación, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, realizará unha intervención para presentar o noso municipio a todos os asistentes, dando a coñecer os seus principais recursos turísticos (patrimonio, natureza, gastronomía e festas).
Finalmente, dende o Concello de Viveiro, quérese dar as grazas publicamente á Xunta de Cofradías da Semana Santa e á Asociación Cultural e Deportiva Penalba, pola súa colaboración durante a organización, montaxe e degustación dos produtos, e mais á empresa Puerto de Celeiro, por donar 75 kilos de merluza para este fin.