Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo inicia a limpeza de xeito subsidiario daquelas fincas próximas a vivendas que non foron taladas polos seus propietarios

 Ribadeo, 28 de febreiro de 2020. O Concello inicia estes días a execución subsidiaria, nas parroquias de Arante, Couxela e Cedofeita, en oito parcelas que se atopan próximas a vivendas e nas que os seus propietarios non actuaron talando eucaliptos, a pesares das reiteradas notificacións que lles foron enviadas. O alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Medio Rural, Jesús Mundiña, e o técnico de Medio Ambiente, Jaime Pérez, supervisaron esta mañá os traballos en Cedofeita.
O rexedor manifestou que “estamos a iniciar a execución subsidiaria nas parroquias do concello, estamos empezando por orde alfabético, neste momento en Arante, en Couxela e en Cedofeita. Seguiremos da feito con todas as demais. Agora estamos a facer esta execución subsidiaria, para iso tivemos que tramitar tamén nosoutros todos os permisos necesarios. Chegamos a este punto porque as comunicacións ou as notificacións, ben persoais ou a través dos boletíns correspondentes, foron infrutuosas ou simplemente os que as recibiron non quixeron facer caso. Polo tanto, co principio que temos desde o Concello de Ribadeo de trato a todos por igual, non podemos permitir que todos aqueles, que foron a inmensa maioría, que tiveron que facer as cortas para sacar os eucaliptos do pé das casas o fixeran de xeito voluntario e que logo unha pequena minoría non o fixera, polo tanto temos que actuar desta maneira”.
O alcalde engadiu que “unha vez cortada esta madeira con ela sufragaremos parte dos custos e do déficit ata compensar o custo do que nos vai cobrar o madeirista, e a diferenza vaina ter que poñer o Concello de Ribadeo con fondos propios. A partir de aquí os propietarios, se aparecen, poden pagar os custos que nos leva facer todo este traballo ou senón desde o Concello abriremos unha nova fase que é a expropiación de acordo coa lei de incendios de Galicia”.
Fernando Suárez sinalou que “estamos continuando con esta complexa labor que empezamos hai un tempo e calquera que veña a Ribadeo notará unha diferenza significativa con calquera outro concello da comarca. Hai que lembrar que iniciamos este proceso cunha notificación a 700 parcelas, hai aproximadamente dous anos, e agora mesmo en tres parroquias estamos actuando soamente en oito parcelas. O resto foi cumprindo, en prexuízo de que saben os propietarios dos montes que antes do 30 de maio de cada ano todas estas parcelas que están rodeando ás vivendas ou núcleos rurais deben estar limpas de broza e dos elementos que a lei especifica para que non haxa que lamentar desgrazas cando chegue o calor, cando chegue o verán ou cando se produzan desgraciadamente incendios forestais de chegar a facelo”.

Exit mobile version