Ribadeo, 24 de febreiro de 2020. O Concello de Ribadeo comunica, a través dun bando municipal, que o 9 de marzo comezará a recollida porta a porta dos plásticos agrícolas.
A empresa encargada de facer este servizo é Soluciones Integrales para el Medio Ambiente S.L., transportista profesional de residuos autorizado pola Xunta de Galicia, coa inscrición, SC-I-NP-XRT-00138. A recollida prolongarase durante os días que sexan necesarios para atender todos os avisos recibidos en tempo e forma.
O Concello de Ribadeo subliña nese bando que “para asegurar que o servizo se preste nas condicións idóneas, todas as explotacións que precisen a recollida procurarán ter os plásticos en lugar adecuado e facilmente accesible para o camión de recollida. As persoas interesadas solicitarán este servizo nas dependencias do Concello de Ribadeo ou a través do teléfono 982 120 701, en horario habitual, ata o 6 de marzo”.
Dende a Área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo agradecen a máxima colaboración posible no desenvolvemento deste servizo, principalmente á hora de dispoñer convenientemente os plásticos no lugar de recollida.