Ribadeo, 14 de febreiro de 2020. O Concello de Ribadeo celebrará o vindeiro domingo, 16 de febreiro, o Día Mundial dos Humidais cun taller de campo.
O edil de Turismo, Pablo Vizoso, explicou que “de novo e co gallo da celebración do Día Mundial dos Humidais, no Concello de Ribadeo impartirase unha charla en campo, cun itinerario guiado e interpretado das unidades ambientais do ZEC-ZEPA Ría de Ribadeo. Incluída na Rede Natura 2000 e no convenio Ramsar, declarada Zona Húmida de Importancia Internacional, e polos seus valores en diversidade biolóxica declarada Reserva da Biosfera, é na actualidade un dos humidais máis importantes de Galicia polos seus valores ecolóxicos e diversidade”.
O concelleiro ribadense dixo que “nos mergullaremos nas especies de aves acuáticas e limícolas deste humidal protexido, asemade tentaremos observar as especies bandeira do humidal como a águia pescadora (Pandionhaliaetus), o pato rabilongo (Anas acuta), e falaremos da súa importancia no contexto dos humidais do Cantábrico como integrante do Convenio Ramsar”.
O taller de campo Ría de Ribadeo: o humidal máis importante do Cantábrico Occidental desenvolverase de 10 a 14 horas. As persoas interesadas en participar poden anotarse no 982 128 689 ou no correo turismo@ribadeo.org
O desprazamento realizarase en microbús con saída desde a Oficina de Turismo de Ribadeo. Recoméndase levar botas e roupa de abrigo, caderno de campo, cámara fotográfica e prismáticos.