Ribadeo, 3 de febreiro de 2020. O Concello de Ribadeo reforza a atención ás zonas rurais coa sinatura dun convenio coa Área de Medio Rural da Deputación de Lugo para a adquisición dun todoterreo, que facilitará o traballo de mantemento e control dos bens e servizos públicos nas parroquias.
O alcalde, Fernando Suárez Barcia, e a deputada provincial, Mónica Freire, asinaron o correspondente convenio a través do cal o persoal municipal disporá dun novo vehículo para desprazarse e realizar os traballos relativos ao control do alumeado, do abastecemento de auga ou da recollida de lixo e residuos, entre outras funcións.
“O concello precisaba incorporar máis medios para atender as necesidades de desprazamento dos empregados públicos ás zonas rurais. Este novo vehículo permitiranos cumprir de forma máis áxil e eficiente coa obriga de manter os bens e servizos públicos nun esta idóneo”, explicou o rexedor.
A área de Medio Rural da Deputación de Lugo achegou 8.500 euros para a adquisición do todoterreo.