Estas actuacións completan un total de máis de 279.000 euros de investimento financiados pola Deputación de Lugo a través do Plan Único 2019 e que consisten na mellora do firme con aglomerado en quente de distintos viarios municipais, ao que se engadiu o pintado da sinalización horizontal e distintas melloras.
O Concello de Foz informa ademais que o vindeiro luns, día 2 de marzo, darán tamén comezo as obras no camiño de Alemparte, entre a Nacional 642 e o Camiño Real, na parroquia de Cangas. Financiada con 48.000 euros de fondos propios, a primeira actuación consiste na renovación da tubería de abastecemento de auga, substituíndo a actual condución por unha canalización de PVC de 75 milímetros de diámetro e 10 atmosferas de presión, que evitará as continuas roturas que se estaban a producir nesta tubaxe. As obras complétanse co aglomerado en quente do camiño con mestura bituminosa tipo D-12 e a disposición da sinalización necesaria.
Para rematar o Concello de Foz quere trasladar as súas desculpas polas molestias ocasionadas durante o transcurso das obras e pide extremar a precaución mentres estean as máquinas traballando.