Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo recibe o terceiro Premio á Dinamización Demográfica da Xunta

 Cervo, 24 de febreiro, 2020. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Educación, Dolores García Caramés, desprazáronse este mediodía a Crecente (Pontevedra) para recoller o premio á Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia nunha gala que estivo presidida por Núñez Feijóo, na que tamén asistiron diferentes membros do goberno galego, entre eles o vicepresidente, Alfonso Rueda.

O galardón, dotado con 12.500 euros, é o resultado dun proxecto integral de revitalización demográfica que desenvolve o Concello de Cervo e que, tal e como explicou o rexedor, ten como eixos principais e diferenciadores “a cesión de espazos públicos para favorecer o emprendemento e atraer novas familias ao noso municipio ou as bolsas de formación remuneradas dirixidas á mocidade, que supoñen que desde o ano 2010 máis de 80 rapaces tiveran esa primeira toma de contacto co mundo laboral en dependencias municipais”.

Deste xeito, recordou que a creación do Centro de Emprendemento de Sargadelos, ou a recente cesión dunha parcela do Polígono de Cuíña ao Instituto Tecnolóxico de Galicia son dous exemplos do esforzo que está a facer o Concello para consolidar e fixar poboación, ademais das bonificacións fiscais ás empresas condicionada á creación de emprego estable “conscientes de que a perda de poboación é unha realidade xeneralizada en poboacións como a nosa ante a que non podemos permanecer impasibles”.

Exit mobile version