O voceiro nacionalista Efrén Castro ratificou o apoio do BNG ás alegacións presentadas polos sindicatos ao texto proposto polo goberno do Estado o pasado 10 de febreiro e chamou a populares e socialistas a “poñerse ao lado dos traballadores para buscar unha solución ao problema máis serio que afrontou a provincia nos últimos anos”.
O BNG presentou un escrito de alegacións ao Real Decreto proposto polo goberno central que recolle, entre outras medidas, o incremento das contías económicas previstas para as compensacións por CO2 indirecto ata o límite autorizado por Bruxelas e a bonificación do 100 por cento da peaxe de transporte para os consumidores de comunidades productoras excedentarias de enerxía eléctrica, como é o caso de Galiza.
“As alegacións do BNG e as que presenta agora a Xunta de Galicia coinciden, no fundamental, coas que presentaron os traballadores que son os que coñecen de primeira man o problema e os que están a propoñer as solucións. Solucións razoables. Se en Francia, con salarios maiores, son competitivos na produción de aluminio, aquí, coas regras de xogo adecuadas, tamén poderiamos selo”, argumentou Efrén Castro.
Antes do debate da moción en relación coas alegacións dos traballadores de Alcoa e da Xunta de Galicia ao proxecto do estatuto de consumidores electrointensivos, a deputada do BNG e vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, recibiu a membros do comité de empresa da factoría de San Cibrao, con 1.100 empregos, e da Plataforma de Empresas Auxiliares, que representa uns 900 traballadores e traballadoras.
A universidade privada, “un novo favor de Feijóo a Escotet”
O BNG sacou adiante, cos votos a favor do PSdeG, unha moción a favor da universidade pública. A proposta defendida polos nacionalistas pedía aos grupos políticos un pronunciamento de apoio ao sistema universitario público galego, e o seu traslado á Xunta de Galicia e aos reitorados das tres universidades.
O voceiro do BNG explicou que a moción procuraba un posicionamento da corporación provincial ante “a preocupación que xerou nas tres universidades galegas” a Lei de creación da “Universidad Intercontinental de la Empresa”, promovida por Abanca e tramitada pola Xunta de Galicia, malia a oposición dos tres reitorados e do estudantado.
“Este proxecto de lei é un novo favor do señor Feijóo a Escotet”, sentenciou Efrén Castro ante as críticas do Partido Popular, que non deu o seu respaldo á proposta. Castro engadiu que a prioridade do goberno galego debería ser un compensar a universidade pública polos 438 millóns de euros de recortes da última década.
“O que está a facer o presidente Feixóo é poñerlle a alfombra vermella a un proxecto privado, mentres afoga á universidade pública cun plan de financiamento insuficiente” di o BNG que cifra en 438 millóns os recortes ao sistema universitario público na última década.
O PP corríxese e asume as demandas do BNG ao Estado
O pleno provincial tamén aprobou por unanimidade unha moción que insta ao Estado a aboar a débeda pendente con Galiza. Ademais de demandar o ingreso do IVE non liquidado de 2017, a proposta reclama ao Estado o pago dos incentivos pendentes polo cumprimento dos obxectivos fiscais – 170 millóns de euros-.
O Partido Popular corrixiu así a postura manifestada no Congreso dos Deputados o pasado 13 de febreiro cando rexeitou unha emenda do BNG solicitando esta segunda contía. Nesta rectificación puxo o acento o voceiro do BNG, Efrén Castro, quen lle afeou ao PP que se sumara a esta demanda en campaña electoral. “Leccións en relación con isto non nos vai dar o Partido Popular”, remarcou Castro quen recordou que “a débeda do Estado era consecuencia dunha lei aprobada polo PP, co aplauso de Núñez Feijóo”.