Llano explicou que “onte tivemos un pleno extraordinario no que se tratou un expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito, que é un instrumento que teñen todos os concellos para conformar e darlle validez a aquelas facturas que non puideron entrar no exercicio económico correspondente. Péchase o orzamento de todos os Concellos o 31 de decembro e resulta que hai moitas facturas que non chegan no seu momento, que veñen no ano seguinte, hai outras que superan a partida que se tiña para efectuar eses pagos concretos de determinados servizos ou do que corresponda que se fixeron e polo tanto hai que recoñecelas”.
O alcalde burelés sinalou que “polo tanto o que se fixo onte, como se fai en todos os Concellos do país, é un instrumento necesario derivado daquelas circunstancias que non entraron nos orzamentos do exercicio que corresponda. Así que non hai tal desfeita, nin moito menos. As Intervencións fan os reparos correspondentes porque dalgunha forma non se corresponden coa normalidade orzamentaria. Por exemplo se hai que pagar unha factura, por traballos recoñecidos, loxicamente, que supera unha determinada cantidade que xa non se pode recoller polo que había previsto, evidentemente ten que pagarse, pero hai que recoñecela con respecto ao orzamento do ano seguinte”.
O rexedor insistiu que “isto é algo normal e por tanto non é que existan desfeitas nin que se fixeran as cousas mal no Concello senón que isto é un instrumento que utilizan todos os Concellos necesariamente porque son recoñecementos de traballos, de servizos, de materiais, …; todo aquilo que corresponde a actividade normal dun concello e que hai que facer dunha maneira ou doutra”.