Lugo, a 11 de febreiro de 2020. O alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, é desde esta tarde o portavoz do PP na Mancomunidade da Mariña. O voceiro estrease coa defensa dunha moción de urxencia, para reclamar cambios no Estatuto para Consumidores Electrointensivos, na liña das propostas da Xunta e dos Traballadores de Alcoa, co fin de garantir o futuro da industria de San Cibrao.
O Goberno central, presidido por Pedro Sánchez, leva máis dun ano para aprobar un Estatuto para Consumidores Electrointensivos e a proposta que acaba de presentar non da solución real ao problema do prezo da enerxía eléctrica, que pode acabar por provocar o peche de Alcoa-San Cibrao. Os populares consideran que se o Goberno quere pechar a industria electrointensiva galega, con este Estatuto vai na dirección correcta, xa que comunidades como Cataluña e País Vasco saen máis favorecidas que Galicia.
Para o PP, o certo é que non se tiveron en conta as propostas galegas, como a creación da figura de consumidores hiperelectrointensivos. Pasamos de 119 posibles beneficiarias a 276 no borrador e 600 no actual (só 31 en Galicia). Polo tanto, se o Goberno quere acabar co aluminio primario en Alcoa-San Cibrao, ao igual que fixo en Alcoa-Coruña, con este Estatuto vai na dirección correcta. É unha falta de respecto institucional e unha deslealdade con Galicia que o Goberno central non convocase á Xunta á presentación da súa proposta de Estatuto.
As medidas avanzadas polo Goberno son insuficientes. Son as mesmas que levou hai 20 días á mesa de traballo na que a propia Alcoa xa lle advertiu de que eran insuficientes. O PP considera que Galicia precisa un prezo eléctrico competitivo e estable: rebaixar o prezo ata os 35-40 €/MWh para que a industria electrointensiva traballe en igualdade de condicións co resto de Europa. Os populares esixen ao Goberno que deixe de xogar cos traballadores, porque está en xogo o futuro de de 5.000 familias. Tamén está en xogo o futuro da industria enerxética en Galicia. O Índice de Produción Industrial na Enerxía caeu un -21,9% en Galicia por culpa da situación da industria electrointensiva e das térmicas. Sen o efecto da enerxía, o IPI en xeral medraría en Galicia un 1,7%.
O Partido Popular espera que o Goberno central recapacite e no período de alegacións inclúa as propostas da Xunta e dos traballadores de Alcoa-San Cibrao. Hai que recordar que n o comité de empresa destacan que as medidas propostas supoñen unha rebaixa moi pequena e isto podería determinar o peche da planta de Alcoa en San Cibrao. Os traballadores están seriamente preocupados e séntense en situación de indefensión.
Por todo elo, o portavoz popular na Mancomunidade da Mariña presenta unha moción de urxencia, para instar ao Goberno a reformar o Estatuto, con respecto ao borrador presentado, de xeito que dea resposta ás necesidades de Alcoa-San Cibrao, unha industria fundamental para A Mariña, pero tamén para toda a provincia de Lugo.