Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Ambiente estudará colaborar co Concello de Cervo no acondicionamento dunha estrada con paseo peonil en Sargadelos

 Santiago de Compostela, 29 de febreiro do 2020. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de colaborar co Concello de Cervo no financiamento dun proxecto para acondicionar a estrada que une a nova fábrica de cerámica de Sargadelos coas antigas fábricas de fundición e habilitar un paseo peonil. Este foi o compromiso que asumiu a conselleira Ángeles Vázquez no transcurso dunha xuntanza co alcalde Alfonso Villares, quen lle trasladou a importancia destes traballos para mellorar e poñer en valor unha zona que soporta a diario unha gran densidade de tráfico pesado.

Concretamente, a actuación centraríase no acondicionamento e reurbanización dun tramo da estrada LU-1505, que vai desde a nova fábrica de cerámica ata a ponte que cruza o rego de Sargadelos e o tramo final, onde están as antigas fábricas de fundición da compañía. O obxectivo dos traballos previstos pasa por habilitar un paseo peonil na marxe dereita da estrada, paralelo ao seu trazado, co fin de permitir un mellor tránsito de vehículos e persoas.

Neste sentido, o rexedor explicoulle a Ángeles Vázquez que nestes momentos o grao de urbanización da zona pode considerarse deficitario, con tramos da calzada reasfaltados debido á gran densidade de tráfico pesado que circula pola mesma. Así mesmo, tamén incidiu na escasa dimensión dos espazos peonís, insuficientes para poder asumir o fluxo de desprazamentos a pé actual. Ademais, o concello quere aproveitar a intervención para darlle unidade ao conxunto substituíndo todas as infraestruturas existentes, mediante o soterramento dos cables e dos postes para reducir o impacto visual.

Tras comprometerse a analizar a viabilidade de colaborar na execución deste proxecto, a conselleira lembroulle ao alcalde que a Xunta pon a disposición dos concellos varias liñas de axudas para o desenvolvemento de intervencións urbanísticas que, como esta, buscan potenciar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, mellorar o benestar e a calidade de vida nas vilas galegas.

Neste sentido, a conselleira animou ao alcalde a presentar o seu proxecto de acondicionamento para a contorna das instalacións de Sargadelos e comprometeuse a estudar posibles vías de cofinanciamento entre o departamento autonómico e o goberno municipal para levalo a cabo.

Exit mobile version