O autobús de Xove sairá ás 8:00h da marquesiña do Centro Cívico de Xove; e o de Cervo sairá tamén as 8:00h da Casa do Mar de San Ciprián, parando ás 8:15 en Cervo. O regreso será a mediodía.
Estamos nun momento crucial no que se decide o futuro dos nosos Concellos e da Mariña. O futuro de moitas familias depende da continuidade de Alcoa e de que o Goberno teña en conta as alegacións presentadas a un Estatuto do Consumidor Electrointensivo que lonxe de solucionar o problema do prezo da enerxía o que fixo foi colocar a Alcoa nunha situación de peche inminente e irreversible.
Pedimos ao Goberno do Estado que cumpra as súas promesas e estableza as condicións necesarias para que prezo da enerxía se sitúe na contorna dos 35 € que posibilitarían seguir fabricando aluminio en España.
Non entendemos como o presidente do Goberno veu onte a un mitin a Santiago e non trouxo unha solución ao grave problema no que se atopa a nosa industria. Só trouxo promesas baleiras, igual que xa fixera na véspera das eleccións xerais, tratando de rabuñar uns votos mentres a nosa industria está agonizando.
Demetrio Salgueiro Rapa
Alcalde de Xove
Alfonso Villares Bermúdez
Alcalde de Cervo