Foz, 24 de febreiro, 2020. A Asociación Cultural A Pomba do Arco organiza o 27 de febreiro a partir das 20:30 h na libraría Bahía de Foz un espectáculo literario musical a cargo de Ricardo Seixo e o grupo Maraxe. O acto consistirá na lectura de poemas do volume Na República da Intimidade , libro de versos onde se aborda a sexualidade e a problemática de xénero e na actuación do grupo de musica tradicional Maraxe, que interpretará diversas pezas de carácter popular.
Segundo o autor “Na República da Intimidade é un poemario diferente na súa traxectoria que tenta rachar barreiras nas relacións entre humanos, que quere pór luz en espazos en que é habitual que haxa sombras que busca dar pulo ao facho da igualdade e o respecto e que arela que sexamos quen de abrazarmos a liberdade núa, sempre disposta a facer camiño na procura da felicidade”. Nesta liña Seixo considera que “estamos diante dun conxunto de poemas abertos e vivos que falan e convidan a nos tactarmos, a sentírmonos, a nos ollarmos, a sermos suxeitos activos na rolda permanente por facer o amor ao tempo”.
Ricardo Seixo Fernández (A Coruña – Curtis, 1950). Mestre en diferentes localidades de Galiza e actualmente xubilado (en activo), fixo parte de diferentes grupos de música tradicional e hoxe, coas súas fillas Sonia e Noa, anda a tecer novos textos en vellas melodías a través de MARAXE. Ten participado en libros colectivos e publicou dous poemarios: no 2016 deu a lume Ollares… no fondo da retina… na paisaxe dos efectos, e no 2018 saíron do prelo Versos noctámbulos.