Ribadeo, 3 de febreiro de 2020. Mañá, día 4, a comisión do Entroido de Ribadeo comezará coa recollida de donativos entre os establecementos comerciais e hostaleiros. O presidente, Alfonso Rodil, agarda que colaboren na medida das súas posibilidades.
O presidente da comisión do Entroido explicou que “temos previsto empezar mañá sobre as 11 da mañá coa habitual colecta de donativos. Dada a premura de tempo agardamos que o pobo responda como vén sendo habitual. En principio vai ser soamente en establecementos comerciais e hostaleiros, tendas de todo tipo. E aproveitando que somos xente coñecida a todos aqueles que vexamos que nos poden dar un donativo en plena rúa tamén llo pediremos, sen subir aos pisos”.
Alfonso Rodil dixo que “como xa nos coñecen aqueles que se sintan realmente ribadenses e non queiran perder as tradicións que se celebran anualmente que colaboren na medida das súas posibilidades, pero sempre co mellor que poidan. Todos sabemos as dificultades que está atravesando o comercio e a hostalería, pero Ribadeo sempre foi altruísta”.
Adianto do programa
O presidente subliñou que “imos intentar facelo o mellor posible, iniciando a programación o día 20, que é o Xoves de Comadres, co tradicional pregón de Carnaval e rematar o día 29 coa Queima do Antroido. Os días 21 e 22 será a Festa do Freixó, o 23 teremos a saída da Comparsa do Porco, o 24 será o día infantil, o 25 celebrarase o gran desfile e o 29 a Queima”.
Rodil lembrou que “outros anos, desde que eu deixei a comisión, no 2005, empezaron a facer unha gala na fin de semana, pero nosoutros volvemos á vella tradición e o pregón será o Xoves de Comadres a partir das oito e media da tarde no Teatro de Ribadeo. Creo que temos un pregoeiro de luxo como é Javier Rivera, xornalista de El Progreso e director de La Comarca del Eo”.