Site icon Crónica3.com A Mariña

Este domingo comezan as visitas á cova do Rei Cintolo

 Mondoñedo, 27 de febreiro, 2020. O vindeiro día 1 de marzo comeza a nova campaña de visitas á Cova do Rei Cintolo do presente ano 2020 con visitas de fin de semana os venres, sábados e domingos ás 12h e ás 17h, unha vez entremos no horario de verán (a partir do mes de abril) haberá unha nova quenda ás 18:30h.
Na ponte de San Xosé, en marzo, será posible visitar a cova dende o xoves día 19 ata o domingo 22 e durante a Semana Santa, xa no mes de abril, poderase visitar a mesma todos os días da semana en tres quendas (12h, 17h e 18:30h)
En todas as pontes e días festivos do ano será posible visitar a cova e durante os meses de verán as visitas serán nas tres quendas indicadas todos os días da semana (de luns a domingo).
As visitas guiadas fanse a unha cova en estado natural -polo que se solicita un estado físico e mobilidade normal- a través dun percorrido atractivo, nunha contorna segura.
O percorrido, duns 300 metros , realizase polo Sector Central nun tempo estimado dunha hora e quince minutos.
Proporciónase casco con iluminación, luvas e un mono de celulosa e é preciso traer calzado pechado con fondo de goma para evitar esvaróns. Tamén se recomenda traer roupa que non importe manchar, e mesmo, roupa para mudarse tras a visita.
As visitas son sempre guiadas en grupos reducidos e a idade mínima son 12 anos. Os grupos oscilan entre 4 persoas de mínimo e 10 de máximo.
O punto de encontro do grupo co guía é a Oficina Municipal de Turismo, situada nun edificio próximo á Catedral, 45 minutos antes das horas de visita establecidas en cada tempada. O traslado dende alí ata a cova debe facelo cada visitante ou grupo, polos seus propios medios. O guía, irá indicando o camiño.
O custo é de 15 euros por persoa.

Exit mobile version