Ribadeo, 28 de febreiro, 2020. A vicevoceira do Grupo Municipal do PP de Ribadeo, Elena Sierra, solicita ao goberno local o arranxo e posta en funcionamento do ascensor panorámico do paseo marítimo ribadense que se atopa “clausurado”.
A popular asegura que “o ascensor permite reducir o traxecto de ascenso entre o paseo marítimo ata a capela da Atalaya e, polo tanto, debe estar en funcionamento para o uso diario e habitual dos nosos veciños e veciñas”.
Sierra explica que “dende o ascensor panorámico pódese ver a ría” e, polo tanto, constitúe “un punto de interese turístico”. A este respecto, sinala tamén que “as infraestruturas turísticas fóra de uso dan unha mala imaxe da nosa vila aos visitantes” e por iso lamenta que non estea en funcionamento de cara á Semana Santa.