Xove, 26 de febreiro, 2020. Este venres, día 28 de febreiro, ás 20,00 o Salón de Actos do Centro Cívico de Xove acolle a gravación do programa Convivir Deportivo, da Radio Galega, dirixido por Alfonso Pardo.
O programa, de 1 hora de duración, tratará o Fútbol Gaélico, deporte en auxe no territorio galego e que está dando os seus primeiros pasos na Mariña, da man do recentemente creado Britonia FG A Mariña, que realiza adestramentos abertos no campo anexo ao Municipal de Xove, todos os luns ás 19,30.
Na gravación do programa participarán representantes de diversos ámbitos do gaélico galego, tanto masculino como feminino, desde o presidente da Asociación Galega de Fútbol Gaélico, Ángel Negrete, ata xogadoras e xogadores con vinculación directa coa Mariña, así como, con especial relevancia, as persoas que están levando adiante o proxecto de creación do equipo mariñán.
Trátase dunha oportunidade única de gozar da experiencia de coñecer desde dentro un programa de radio de grande audiencia, á vez que se achega a un deporte en plena expansión.
A entrada é de balde e anímase a toda persoa interesada a achegarse o venres 28 ás 20,00 e preseniciar este acontecemento único.