Foz, 28 de febreiro de 2020.- O voceiro do PP de Foz, Javier Jorge Castiñeira, subliña os máis de 4 millóns de euros que achegou o goberno galego ao municipio focense durante o ano 2019 incidindo en que “a estes hai que engadir tamén os investimentos da Xunta dirixidos ao mantemento de distintos servizos públicos de competencia autonómica cos que conta o noso municipio como son os centros de ensino e o centro de saúde”.
O popular mantivo unha reunión co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, para facer balance dos recursos públicos que a administración autonómica aportou a Foz durante a pasada anualidade. Castiñeira destaca “o investimento da Xunta dirixido a distintas obras de mellora”: 1,2 millóns para a mellora dos centros educativos -914.000 euros para a rehabilitación do CEIP Nº1 e 300.000 euros para a ampliación das aulas e talleres de FP do IES de Foz aos que hai que engadir outros arranxos e melloras-; ou os 591.000 euros para a mellora da estrada LU-561 entre Fazouro e San Acisclo. A estas melloras hai que engadir tamén, segundo lembra Castiñeira, a da depuradora que se atopa na súa fase de tramitación administrativa e que conta cun orzamento de 8 millóns de euros.
Castiñeira destaca, por outra banda, “os máis de 364.000 euros que a Xunta achega ao Concello con cargo ao Fondo de Cooperación Local que permiten ao goberno local acometer outras obras ou prestar aos veciños os servizos que se consideren oportunos”.
O popular subliña tamén as importantes achegas da Xunta que permiten manter o servizo de axuda no fogar sufragando o salario das persoas encargadas de atender aos seus usuarios nos seus propios fogares e que alcanzan un importe de máis de 423.000 euros.
O voceiro dos populares sinala que “Foz recibiu o ano pasado máis de 316.000 euros en materia de economía e emprego”. Trátase, na súa maioría, de axudas directas a autónomos e pequenas empresas.
Medio rural e mar
Castiñeira tamén apunta “o apoio do goberno galego ao sector primario do noso municipio”. Neste sentido, sinala os máis de 418.000 euros dirixidos, principalmente, de forma directa aos agricultores e gandeiros de Foz; ademais dos máis de 24.000 euros do Plan Marco para a mellora da camiños e dos preto de 40.000 euros para sufragar a contratación dunha brigada de loita contra incendios forestais e o traballo dunha motobomba. Ao sector do mar a Xunta achegou durante o 2019 máis de 274.000 euros dirixidos á mellora de instalacións ou a proxectos que contribuíu a financiar o GALP.
Outras achegas
A Xunta de Galicia tamén colabora con Foz achegando distintas axudas para o desenvolvemento de proxectos culturais, educativos, deportivos ou no ámbito da igualdade ou do medioambiental.