Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros prepara o seu desfile para este venres

 Barreiros, 26 de febreiro de 2020. O Concello de Barreiros, que conta coa colaboración das comparsas locais, Macanudos e Habelas Hainas, organiza o desfile de entroido para a noite deste venres, 28 de febreiro.
As inscricións poderán facerse online dende a web municipal www.concellodebarreiros.com ata o día 28 ás 18:30 horas. De maneira presencial nas oficinas xerais do Concello de 8.30 a 14.30 horas, na Biblioteca Municipal, de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas ata o día 27.
A saída será dende a Praza do Concello ás 21:00 horas e discorrerá polas rúas de San Cosme; baixada polo centro médico, rúa das vivendas sociais, subida pola estrada da praia (teleclub), e chegada por Rúa Vila ata o Concello.
Como novidade os participantes estarán acompañados por cabezudos e xigantes que farán as delicias do público cos seus bailes a animacións.
Este ano o Concello reforzará a iluminación con 5 puntos de luz onde os participantes deben facer as súas exhibicións. Nestes puntos atoparanse os xuíces que farán valer a súa experiencia en diferentes áreas, eles son: Reme Espantoso (recoñecida deseñadora), Lucía (Coida de ti), Ana (Ana peluquería), Juan (técnico de cultura no Concello do Valadouro) e Quique (Arco da Vella).
Ás 22:30 terá lugar no pavillón municipal a cea de entroido. O menú, servido por Chao dos Navais, estará composto por empanada, entrantes fríos, churrasco, pan, bebida e postre; a un prezo de 17€ por persoa e a 8€ para menores de 12 anos.
Unha vez rematada a cea terá lugar a entrega de premios e posterior baile amenizado polo Dúo Estrellas con entrada libre.

Exit mobile version