Foz, 27 de febreiro, 2020. Desde o 28 de febreiro ata o 20 de marzo, a exposición en itinerancia ‘Somos migrantes: abrimos camiños’ (Culturas en diálogo) vai permanecer aberta na Casa da Cultura ‘Poeta Manuel María’ de Foz. Un proxecto da Rede Museística Provincial, coordinado por Encarna Lago, guiado polos principios da museoloxía social e do diálogo intercultural, en colaboración coa asociación de Inmigrantes e Retornados Rioplatenses en Lugo e coas entidades socioculturais e institucións locais.
Esta mostra, que pode visitarse en horario de 08:30 a 14:30 h. e de 17:00 a 20:00 h., de luns a venres, ten como obxectivo poñer en valor os testemuños, en clave intercultural, das relacións entre diferentes xeracións, fomentando a creación multidisciplinar e a participación social de todos os colectivos implicados.
CULTURAS EN DIÁLOGO vénse desenvolvendo desde 2014 nos diferentes museos da Rede Museística da Deputación de Lugo coa colaboración de asociacións e persoas vencelladas a diferentes actividades artísticas e culturais de ambas beiras do Atlántico.
Actividades complementarias
28 de febreiro, ás 12:00h.-Charla sobre a emigración galega no CEIP Nº1 de Foz. Presentación do obradoiro “Somos migrantes, abrimos camiños”.
2 de marzo, ás 16:30h.- No IES Foz, conferencia “Galiza: emigración, memoria e identidade. Imaxinario e estereotipos da diáspora galega a América”, impartida por Silvia Fiallega Lorenzo.
3 de marzo, ás 12:00h.- Na Casa da Cultura ‘Poeta Manuel María’ de Foz, obradoiro “Somos migrantes, abrimos camiños” cos alumnxs do CEIP nº 1 de Foz e visita á exposición “Somos migrantes, abrimos camiños. Culturas en diálogo” con Encarna Lago, xerente da Rede Museística da Deputación de Lugo
13 de marzo, ás 20:00h.- Na Casa da Cultura ‘Poeta Manuel María’ de Foz, conferencia “Galiza: emigración, memoria e identidade. Imaxinario e estereotipos da diáspora galega a América”, impartida por Silvia Fiallega Lorenzo.