Viveiro, 26 de febreiro de 2020. As obras que nos próximos meses se realizarán nun edificio da rúa Nicolás Cora Montenegro poñen fin a moitos anos de loita desde o Concello de Viveiro co obxectivo de evitar a súa demolición total e as consecuencias que tería para os veciños.
Os feitos se remontan ao 17 de xaneiro de 1994, sendo alcalde César Aja Mariño, cando o Concello de Viveiro outorgou unha licenza para a construción do edificio. Dita licenza foi obxecto de recurso por parte dun particular, ditándose sentenza o 29 de febreiro de 1996, na que se acordaba a demolición do construído.
Esta sentenza foi recorrida en apelación, sendo desestimado o recurso e ditándose nova sentenza o xuño de 2001 polo Tribunal Supremo, que con carácter firme obrigada a este concello a executar a demolición dese edificio.
O anterior alcalde, Melchor Roel Rivas, consciente da magnitude da execución da sentenza e das súas graves consecuencias para os veciños no inmoble, iniciou un longo proceso na busca dalgunha posible solución que evitase o derrumbe total do edificio.
O 15 de xuño de 2012, este concello presentou ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia un incidente de execución, alegando que mediante a realización de diversas obras o edificio podería cumprir coa normativa urbanística vixente, evitando, deste xeito, a súa total demolición.
O 25 de novembro de 2015 este concello solicitou a declaración da inexecución parcial da sentenza aos efectos de darlle cumprimento mediante as obras de demolición parcial que agora se van a acometer, evitando a demolición total.
Esta solicitude foi aceptada polo TSXG e o concello inicio os trámites para a contratación da execución das obras de demolición parcial do inmoble sito no número 50 da rúa Nicolás Cora Montenegro, asinándose o contrato coa empresa adxudicataria o 15 de xaneiro de 2020.
Agora que xa nos atopamos no prazo de execución das obras, dende o Concello de Viveiro quérese facer especial fincapé no empeño tanto desta como da anterior corporación para evitar unha sentenza “que suporía a perda da súa vivenda para un gran número de familias e, moi especialmente, na valentía de Melchor Roel desobedecendo reiteradamente os requirimentos para a execución da sentenza e asumindo, persoalmente, as multas impostas por este motivo”, lembra a actual alcaldesa, María Loureiro.
Nos vindeiros meses procederase, polo tanto, a realizar as correspondentes obras no sobreático, ático, planta baixa e entreplanta, para o cal foi preciso desaloxar a oito familias residentes nas plantas cuarta e quinta.
Finalmente, dende o Concello de Viveiro quérese pedir desculpas polas molestias que estas obras, consecuencia dunha licenza ilegal outorgada en 1994, están a ocasionar aos veciños e veciñas de Viveiro e moi especialmente aos residentes na edificación afectada.