Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa Ribadeo celebrou a súa IX Gala no Hotel Voar. No evento foron premiados a delegación local da AECC e Pablo Vizoso Iglesias a título póstumo

 Ribadeo, 22 de febreiro de 2020. Acisa celebrou a súa IX Gala a pasada noite nas instalacións do hotel Voar, onde tivo lugar un photocall e a entrega de premios á delegación local da AECC e a Pablo Vizoso Iglesias a título póstumo. La Solana e Naná recibiron tamén agasallos tras ser os gañadores do pasado Concurso de Decoración de Nadal.
Os discursos foron pronunciados pola deputada mariñana e responsable da Área de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas da Deputación de Lugo, Mayra García; polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; polo alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez; e o presidente de Acisa, Francisco Iriarte. Desde as administracións provincial e autonómica referíronse á importancia de seguir apostando polas compras nos establecementos locais e tamén ás liñas de axudas coas que contan para o sector. E subliñaron que o comercio en Ribadeo é un referente para toda a comarca. E desde o Concello aludiuse a un plan de revitalización e de transformación dixital do pequeno comercio.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, no seu discurso sinalou que “neste áltimo ano, dende que celebramos a cea de gala do 30 aniversario esta asociación seguiu traballando e medrando dia a dia. Sempre da man das administracións publicas ás cales temos que darlles as grazas pola súa necesaria axuda, e pedirlles, que pouco a pouco nos axuden mais, nunha época na que afrontamos grandes retos conxuntos. Estamo seguro de que o farán”.
Iriarte Quintana lembrou que “neste último ano realizamos mais de 30 actividades propias, colaboramos en mais de 10 eventos, inxectamos 16.000 euros na economía local e repartimos múltiples materiais gratuítos para os nosos socios. Tamén conseguimos reducir en 25.000 euros o déficit da nosa asociación chegando case o obxectivo de débeda cero, non so sen renunciar a nada, se non creando mais actividades propias ou en colaboración”.
Francisco Iriarte referiuse ao proceso electoral para proceder á renovación da directiva de Acisa: “como saberán hoxe finalizaba o prazo de presentación de candidaturas para a renovación da xunta directiva desta asociación, e segundo me indicou o xerente solo se presentou unha candidatura. Deste xeito compráceme anunciarvos que esa candidatura é a miña, xa que decidín presentarme de novo para dirixir durante os dous próximos anos Acisa; e fareino, acompañado de Roberto Rivas como vicepresidente, María Antonia López Lens como secretaria, Manuela Torviso como tesoureira e como vogais, José Antonio Lombardero e Carmen Cruzado, representando así os tres sectores fundamentais integrados no noso colectivo: comercio, hostalería e servizos. Quero publicamente darlles as grazas a todos por querer acompañarme nesta nova etapa, que afrontamos coa mesma ilusión que sempre, con moitas ganas e moitos proxectos”.
O presidente de Acisa anunciou que “o próximo xoves, 27 de febreiro, na asemblea extraordinaria onde tomaremos posesión, explicaremos as liñas de traballo nas que queremos enfocarnos, potenciando determinadas actividades e campañas que consideramos vitais. Ademais anunciaremos unha nova ferramenta que esperamos que tanto a soci@s como clientes lles encante, cremos que será novidosa e referente na nosa comarca”.
Sobre os premiados Francisco Iriarte indicou que “este ano cremos que esta asociación ten unha obriga moral e polo tanto queremos homenaxear ao noso compañeiro e presidente durante moitos anos (de 1992 a 1999) Pablo Vizoso Galdo, a título póstumo, polo seu labor e dedicación á fronte da nosa asociación. Os que ocupamos este cargo sabemos os sacrificios e o tempo que tivo que dedicarlle, e mais nos seus anos de mandato, nos que o noso colectivo botaba a andar. De xeito novidoso tamén quixemos crear un novo premio para recoñecer o labor e o mérito no ámbito do asociacionismo, e qué mellor colectivo que a Asociación Española Contra o Cáncro de Ribadeo, que leva dende hai moitos anos sendo un referente no traballo e na recadación de fondos para a súa causa dedicando moitas horas de cada unha das voluntarias que forman parte dela. E nesta ocasión tamén quixemos aproveitar este evento para entregarlles os premios do Concurso de Decoración de Nadal ao restaurante La Solana y a Naná, polo seu excelente traballo decorando o interior e exterior dos seus negocios axudando a crear unha ambientación mais especial para unhas datas tan importantes”.
Todos os galardoados agradeceron os premios entregados por Acisa. Manoli Torviso, Rocío Pertejo, Juan Andina e Francisco Iriarte foron os encargados de facer entrega dos agasallos. A AECC e a familia de Pablo Vizoso Iglesias recibiron figuras conmemorativas ao igual que La Solana e Naná, que tamén foron agasallados con 100 euros en vales de compra de Acisa. Os asistentes á IX Gala de Acisa recibiron como regalo un perfume: Esencia da Mariña.
Tras a entrega dos premios os asistentes compartiron experiencias, vivencias, recordos, proxectos… arredor do menú servido polo Voar: crema de cigalas, pescada ao pil-pil, xarrete de tenreira guisado e tarta de queixo. O evento prolongouse ata ben entrada a madrugada.
Á IX Gala de Acisa asistiron, entre outros, o presidente da FCAM, José Carlos Paleo, e representantes da vida empresarial, política e social ribadense.

Exit mobile version