Cervo, 19 de febreiro, 2020. A Casa da Cultura de Cervo acollerá este xoves 20 de febreiro, ás 11.00 h, a inauguración da exposición fotográfica «Auga. O sangue da terra», de Manuel Valcárcel, quen ofrecerá unha visita guiada pola mostra. Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello de Cervo, ABANCA e Afundación, institucións que estarán representadas no acto de inauguración coa presenza do alcalde do Concello de Cervo, Alfonso Villares; o subdirector da oficina de ABANCA de San Cibrao, Víctor Manuel Álvarez; e a coordinadora Institucional para Ourense e Lugo de Afundación, Beatriz Fernández-Anguiano. Tamén asistirá un grupo de 18 estudantes de 3º de ESO do IES Marqués de Sargadelos.
A exposición «Auga. O sangue da terra» realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a cunca do lugués río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a importancia da auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia da auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas. Esta mostra, de entrada libre e gratuíta, poderase visitar ata o vindeiro 22 de marzo, de luns a venres de 9.00 a 14.30 h e de 16.00 a 20.00 h.
Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.