O Goberno local veu “coas mans baleiras” a unha reunión convocada por Augas de Galicia co obxecto de avanzar nas medidas de protección da veciñanza deste barrio. Na xuntanza estivo presente a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutérrez, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, ademais da rexedora, María Loureiro e outros representantes municipais.
Cómpre lembrar que Augas de Galicia puxo en coñecemento do Concello en marzo de ano pasado o resultado do estudo no que se formulaban varias alternativas para a reconstrución do núcleo de Xunqueira, de tal xeito que se poidan reducir os riscos para a poboación e atender as demandas dos veciños.
A Xunta trasladou hoxe novamente a súa vontade de facilitar que se leven adiante esas obras necesarias para a protección dos residentes no barrio e reiterou a disposición a cofinanciar os traballos nun terzo do seu custo, en colaboración co Concello e a Deputación de Lugo, e, ademais, a redactar os proxectos técnicos das obras.
De feito, a Xunta conta cunha partida consignada a este fin nos Orzamentos para 2020 e trasladou o seu desexo de que que, tal e como se comprometeu a facer, o Concello concrete un compromiso similar por parte súa e da Deputación de Lugo, tendo en conta que se trata de actuacións de competencia municipal.
Ademais e, como medida construtiva, visto que o Concello non presentou a proposta de convenio, a Xunta achegará ao Goberno local un borrador que poderá servir como marco de referencia para elaborar ese documento no que se reflictan os compromisos de cada administración.