Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2020.- O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse hoxe cos alcaldes de Riotorto, Clemente Iglesias, e da Pastoriza, Primitivo Iglesias, para avaliar a mellora das comunicacións entre ambos municipios. En concreto, neste encontro -no que tamén participou o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois- analizouse o financiamento por parte de Medio Rural do arranxo da estrada que comunica os núcleos de Bretoña (A Pastoriza) e As Rodrigas (Riotorto) por Luxilde, a solicitude dos dous rexedores.
Esta vía ten unha lonxitude total de tres quilómetros e os traballos para a súa adecuación consistirían na rexeneración do seu firme, co fin de mellorar a seguridade e a súa conservación.
Na xuntanza tamén se abordaron outros temas de interese para o rural deste concellos do oriente lugués. Así, tendo en conta o peso do lácteo en ambos municipios, o titular de Medio Rural explicoulles aos rexedores os traballos da Consellería para dinamizar o sector leiteiro a través dunha estratexia na que están involucrados todos os seus axentes.
Por outra banda, o conselleiro tamén lles falou das posibilidades que ofrecerá a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia para a mobilización de terreos, co fin de dotar de máis base territorial ás explotacións, con especial atención ás leiteiras. Así, a nova lei complementará e desenvolverá o marco legal actual culminando un camiño iniciado pola Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga). Deste xeito, xunto coas concentracións parcelarias que se seguirán decretando, na nova norma apostarase por mecanismos de mobilización voluntarios de posta en valor que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras como son as aldeas modelo, as agrupacións de xestión conxunta da terra, as permutas de especial interese agrario ou os polígonos agroforestais.
Finalmente, o titular de Medio Rural adiantoulle ao rexedor de Riotorto que, este ano, se entregarán os títulos da concentración parcelaria da zona de Órrea-Galegos, a cal comprende unha superficie de máis de 1.200 hectáreas e beneficia a case medio millar de veciños.