Lugo, 18 de febreiro de 2020.- A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, vén de nomear a María Luisa Castro Rodríguez como responsable da Unidade contra a Violencia sobre a Muller, que se incorporou ao posto nos últimos días.
Isabel Rodríguez destacou o importante labor deste servizo da Subdelegación do Goberno, que se ocupa de coordinar a loita contra a violencia de xénero na provincia de Lugo.
A subdelegada salientou a gran responsabilidade que asume María Luisa Castro ao fronte deste servizo prioritario, no que traballará man con man coas forzas de seguridade do Estado, así como da Xustiza e do resto das administración públicas, na protección das vítimas da violencia machista.
Isabel Rodríguez considerou que María Luisa Castro é una persoa idónea para asumir esta responsabilidade pola súa formación en materia de Igualdade, o seu gran coñecemento da provincia e a súa dilatada experiencia profesional na Administración do Estado na provincia.
A nova responsable da Unidade contra a Violencia sobre a Muller, que sucede no cargo a Verónica Eiravella Barreira, é natural de Sarria e traballa na Subdelegación do Goberno en Lugo dende 1998.
María Luisa Castro é funcionaria da Administración do Estado dende 1992. Pertence ao Corpo de Xestión da Administración Civil do Estado dende 2005 e ata o momento era xefa da sección de relacións coa Administración Territorial na Subdelegación do Goberno, posto que desempeñou dende o ano 2006.
Dentro da súa formación en materia de Violencia de Xénero e Igualdade figura a realización de diversos cursos impartidos polo ministerio de Política Territorial e Función Pública, o último deles sobre Igualdade para a Función Pública.