Á IX Gala de Acisa están convidados representantes da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo, da Mancomunidade de Concellos da Mariña lucense e do Concello de Ribadeo. Por parte da FCAM (Federación de Comercio A Mariña) asistirá o seu presidente, José Carlos Paleo, en nome dos comerciantes da comarca.
Os asistentes á Gala de Acisa degustarán crema de cigalas, pescada de Celeiro ao pil pil, xarrete de tenreira guisado e tarta de queixo. O menú estará regado por viños Rioja, Mencía e Albariño, café e chupitos. O prezo do menú será de 30 euros. As tarxetas para asistir poden adquirirse nas oficinas de Acisa, na rúa Viejo Pancho, 13, ou tamén en Gráficas Ribadeo. O prazo remata o xoves, día 20.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, comenta que “a Gala nesta ocasión será máis sinxela que noutras edicións. Prescindimos dunha actuación musical ou espectáculo debido a que nos atopamos en pleno Entroido, non queremos coincidir con outros eventos e prexudicar á hostalería de ocio nocturno. Agardamos que os locais de copas se vexan beneficiados da Gala, que rematará a unha hora prudente e permitirá que os asistentes poidan saír a gozar da noite ribadense”.
Na Gala de Acisa haberá discursos das autoridades asistentes e do presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Francisco Iriarte. E entregaranse os premios a Pablo Vizoso Iglesias, a título póstumo, en recoñecemento á labor realizada á fronte de Acisa na súa etapa como presidente; e á AECC de Ribadeo polo seu compromiso social. Tamén recibirán os seus premios os locais gañadores do Concurso de Decoración de Nadal: La Solana e Naná.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, anima “a todos os asociados e asociadas a Acisa Ribadeo a asistir á novena Gala e a compartir unha velada agradable entre compañeiras e compañeiros comerciantes, hostaleiros, autónomos e do sector servizos”.
A IX Gala de Acisa será conducida pola xornalista Carmen Cruzado.