Site icon Crónica3.com A Mariña

A frota de Burela recibiu a futuros patróns e maquinistas

 Unha delegación de alumnos e profesores da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol visitou este xoves o porto de Burela para encontrarse con representantes da frota asociada á Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP Lugo) e Armadores de Burela (ABSA). Estas xornadas son froito do convenio formalizado a mediados do ano pasado para a formación dual de próximos titulados en ponte e máquinas.
O grupo estaba formado por 3 profesores e 26 alumnos de segundo curso dos ciclos formativos de grao superior en “Técnico Superior en Transporte Marítimo e Pesca de Altura” e “Técnico Superior en Organización do Mantemento de Maquinaria de Buques e Embarcacións”.
Os alumos están xa no seu último año de formación e finalizarán o curso a finais deste mes de marzo, momento no que comezarán as súas prácticas a bordo. Entre os estudantes atópanse xoves sen experiencia pero tamén profesionais xa experimentados; algún con máis de 10 anos traballados no sector.
A Escola Náutica de Ferrol depende da Consellería do Mar, o que ofrece como grande vantaxe que os seus profesores son profesionais do mar experimentados nas diferentes especialidades de ponte ou máquinas. O centro abarca unha área xeográfica amplia, desde Fisterra ata Ribadeo, anque tamén recibe alumnos das comarcas de Ribeira ou Barbanza.
Os estudantes visitaron dous buques de palangre de fondo ou pincho, que realizan as súas pesquerías de pescada en augas europeas. O grupo de máquinas tamén visitou as instalacións de Frigomar e todos coñeceron por dentro o Barco Museo “Reina del Carmen”, antigo boniteiro e exemplo da frota de madeira dos anos 60.
O director do centro, Enrique Cobelo, destacou as vantaxes que ofrece esta colaboración aos estudantes, xa que “poden coñecer na práctica os seus futuros postos de traballo, ademais de poñer en contacto ás empresas armadoras cos futuros demandantes de emprego. Esta experiencia serve aos alumnos para complementar a súa formación e coñecer de primeira man o equipamento técnico destes buques”.
Durante o ano pasado 8 alumnos da Escola Náutica de Ferrol realizaron os seus embarques na frota de Burela. A través deste convenio agárdase lograr un alto nivel de inserción dos alumnos no sector pesqueiro, para o que se pide colaboración aos armadores para facilitar a vida a bordo e a formación que teñen que recibir os alumnos durante o período de embarque. Estas accións de formación inclúense dentro do plan da OPP Lugo para poñer en valor os oficios náutico-pesqueiros.

Exit mobile version