Burela, 22 de febreiro, 2020. Merecíano os pupilos de Juanma Marrube e conseguírono. A Alma Laranxa tirou esta noite de cabeza e corazón para suplir o cansazo pola esixencia do calendario e as ausencias, reencontrándose coa vitoria na sólida pista do Servigroup Peñíscola (2-4). Co alento do primeiro triunfo desta segunda volta, por diante toca a terceira semana de dobre compromiso para os galegos, pero en Vista Alegre, coa ida de semifinais de Copa Galicia ante O Parrulo FS o martes (20.30 horas, entrada gratuita) e a xornada 23 ante o titánico FC Barcelona o sábado (17.00 horas, Día do Club).
O Pescados Rubén Burela reafirmou hoxe que se lle dá ben o conxunto valenciano. Álex Diz e Pixote déronlle forza e confianza ao equipo, asinando o 0-2 xa no minuto 6. Os de Juanlu Alonso souberon facer dano; reduciron distancias no 9, con Paniagua, e recuperaron as táboas no 17, cunha contra desde media pista de Xavi Cols. Con todo, pouco durou a ledicia local; Eto’o, no seu debut na liga española, devolveu a iniciativa aos mariñáns no 18, cazando un centro. O conxunto galego viviu os últimos compases antes do descanso con Álex Diz como porteiro xogador.
No segundo tempo aos burelistas resistíuselles a portería, pero tamén souberon sufrir para manter a salvo a renda. Lucho fronte a Xavi Cols e Molina e máis tarde Álex Diz, nunha picada, foron os primeiros en avisar sobre a rede valenciana. O xogador do Corgo volveu facer acto de presenza por partida dobre e con moito perigo antes da medianía do segundo acto. Molina estivo atento máis tarde ante Luisma, pero Edu tampouco quixo renunciar ao protagonismo; o naronés mantivo a vantaxe dos do Mariskal fronte a Claudino, en máis dunha ocasión e despois nunha de ouro de Xavi Cols, entre as máis destacadas. Preparouse Paniagua para o xogo de cinco, con tres minutos por diante, pero foi Joselito o que completou a vitoria na recta final desde pista mariñá, co definitivo 2-4, nunha recuperación.
Ficha técnica
Servigroup Peñíscola FS: Molina, Xavi Cols, Paniagua, Josiko, A. Claudino, cinco inicial; tamén xogaron R. Orzáez, Tuli, Dani Montes, Miguel Fernández, Iván Rumbo, Isi
Pescados Rubén Burela FS: Edu, Lucho, Luisma, Renato, Álex Diz, cinco inicial; tamén xogaron Joselito, Pixote, Pope, Xande, Pitero, Eto’o
Goles: 0-1, minuto 3, Álex Diz; 0-2, minuto 6, Pixote; 1-2, minuto 9, Paniauga; 2-2, minuto 17, Xavi Cols; 2-3, minuto 18, Eto’o; 2-4, minuto 34, Joselito
Árbitros: García-Donas Salvador // Moreno Millán. Por Peñíscola amarela para Miguel (minuto 10), Claudino (minuto 15), Josiko (minuto 37), Paniagua (minuto 40). Por Burela amarela para Xande (minuto 7), Álex Diz (minuto 9), Lucho (minuto 23), Pitero (minuto 33)
Incidencias: Partido correspondente á xornada 22 de Primeira División disputado no municipal de Peñíscola