Site icon Crónica3.com A Mariña

A Alcaldesa de Barreiros convida á conselleira de Medio Ambiente a que nas súas visitas a Barreiros coñeza as depuradoras ou asine o convenio anunciado para a urbanización do centro de San Cosme

 Barreiros, 18 de febreiro de 2020. A alcaldesa de Barreiros lamenta que a conselleira de medio ambiente do goberno da Xunta non aproveitara a visita oficial que realizou na mañá de hoxe para convocar ao goberno municipal elixido maioritariamente polas veciñas e veciños de Barreiros e tratar algunhas das cuestións que xa se lle teñen trasladado, como a problemática da depuración das augas residuais ou a existencia real dun convenio para a urbanización de rúas en San Miguel e San Cosme que foi anunciado hai xusto un ano por esta mesma conselleira e do que o goberno actual non tivo noticia.
Ana Ermida lembra que a finais de febreiro do ano pasado, en plena precampaña das municipais, Ángeles Vázquez anunciou un convenio para Barreiros que nunca chegou a ser asinado e do que o actual goberno municipal non ten constancia, pese a tratar de informarse do mesmo.
“É unha pena que a conselleira acudira acompañada do portavoz da oposición e non se puxese en contacto co goberno municipal na súa visita oficial, xa que poderían ter tratado cuestións de relevancia nas que a súa consellería ten competencia e que xa lle foron trasladado por carta no seu momento, sen obter resposta, como a problemática das depuradoras de San Miguel e Reinante e os problemas ambientais que xeran na praia de Arealonga”.
Desde o goberno municipal comprácense de contar cunha nova familia no concello, mais lamentan a realización dun acto propagandístico a raíz da desgracia das persoas e instan á Xunta de Galicia a actuar como ente institucional e non como un aparato propagandístico a disposición do partido gobernante, coa lealdade e o respecto institucional que deben ter todos os gobernos lexítima e democraticamente elixidos, como o de Barreiros.

Exit mobile version