O concelleiro de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo, Pablo Vizoso, lembra que “prolongamos un día máis RibaXogo, porque o 21 de decembro, xornada na que ía abrir as súas portas non puido ser por mor do forte temporal que lle afectou a esta zona. O centro de ocio infantil e xuvenil, que organizou o Concello coa colaboración de Acisa, botou a andar o día 22 e entón alongamos ata o 6 de xaneiro a súa presenza en Ribadeo”.
Vizoso agarda que “esta vindeira fin de semana, na que milleiros de persoas de botarán ás rúas para ver aos Reis Magos, se acheguen tamén antes e despois da Cabalgata a RibaXogo para divertirse coas atraccións que alí temos instaladas e que ao longo deste Nadal recibiron a visita de centos e centos de nenas e nenos”.
Por RibaXogo pasaron xa o Apalpador e Papá Noel, así como mascotas Disney. E mañá, día 4, chegará o carteiro real. Os que se achegaron á carpa, que alberga este centro de ocio infantil e xuvenil, desfrutaron de karaoke, de xogos xigantes, de contacontos, de fotomatón, de xogos tradicionais ou de futbolín humano, entre outras actividades paralelas, así como da programación deseñada polas Concellarías de Mocidade e de Cultura. E no exterior da carpa está o Battle Area, un xogo de destreza por equipos con dispositivos nerf.
RibaXogo pechará as súas portas o vindeiro luns, 6 de xaneiro, ás nove da noite. Ata ese día aínda hai tempo para visitar Ribadeo e esta proposta de ocio para pícarxs e rapaces.