Burela, 11 de xaneiro, 2020. O Pescados Rubén Burela FS estreou a segunda volta esta tarde no regreso da liga, impoñéndose no derbi irmandiño na casa do Poio Pescamar FSF. Logo dunha primeira parte toma e daca (2-2), as Guerreiras conseguiron tomar vantaxe ata o 2-4; as locais volveron entrar no partido con xogo de cinco, pero Jozi sentenciou a cita co definitivo 3-5 na recta final.
O duelo galego comezou con moitas ganas de gol. Á tentativa de Dani Sousa xa no minuto 2, respondeu Peque cun potente disparo que se estrelou contra a escuadra. O 5 de xogo cumpriuse con novas oportunidades por ambas as filas; tras Irene sobre a rede de Ana Romero, Luci a punto estivo de estrear o luminoso, de cabeza, nunha vaselina de Peque. Ana Escribano puxo o 1-0 no minuto 6 e as mairñás tiveron que esperar ata o 15 para devolver táboas, grazas á ex do Poio Jenny Lores. Con todo, pouco tardou o conxunto local en adiantarse, cunha volea de Carol. A falta de minuto e medio para o descanso, Cilene recuperou o empate, a pase de Dany, e logo de atopar o oco necesario entre a defensa pontevedresa.
Tras o tira e afrouxa do marcador na primeira parte, o Pescados Rubén Burela soubo como apropiarse dos tres puntos. A capitá, Bea Mateos, deulles a primeira vantaxe no derbi ás de Julio Delgado, aos sete minutos do reinicio. Tras o 2-4, de Lara Balseiro, as locais optaron por xogo de cinco. Restaban case dez minutos e conseguiron reducir no 33, con Dani Sousa, a pase de Iria Saeta. Con case catro minutos por diante, Burela subiu a quinta falta. Salvou Jozi, aliada con Ale de Paz, a perigosa chegada do Poio para o empate. De novo a brasileira, a falta de 1’55”, e de portería a portería subiu o 3-5 para dar tranquilidade na recta final ás mariñás. Ale de Paz aínda dispuxo dunha de ouro para o sexto antes do desenlace.
Ficha técnica
Poio Pescamar FSF: Caridad, Dani Sousa, Miriam, Irene, Clara cinco inicial; tamén xogaron Carol, Ana Escribano, Ana Rivera, Iria Saeta
Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Cilene, Peque, Ale de Paz, Jenny Lores, cinco inicial; tamén xogaron Bea Mateo, Dany, Luci, Cristina, Jenny, Lara Balseiro
Goles: 1-0, minuto 6, Ana Escribano; 1-1, minuto 15, Jenny Lores; 2-1, minuto 15, Carol; 2-2, minuto 19, Cilene; 2-3, minuto 27, Bea Mateos; 2-4, minuto 31, Lara Balseiro; 3-4, minuto 33, Dani Sousa; 3-5, minuto 39, Jozi
Árbitros: Carreira Romero // Vilas López. Por Poio amarela a Silvia (minuto 15). Por Burela amarela a Jenny (minuto 27)
Incidencias: Partido correspondente á xornada 16 de Primeira Feminina disputado na Seca.