Site icon Crónica3.com A Mariña

Os Reis chegarán o domingo a Viveiro ó fronte dunha comitiva con seis carrozas e corenta nenos e nenas, nunha cabalgata chea de maxia e sorpresas

 Viveiro, 3 de xaneiro de 2020. O Concello de Viveiro celebrará este domingo, día 5 de xaneiro, a súa tradicional Cabalgata de Reis, que este ano chega chea de novidades e sorpresas.

A comitiva de Melchor, Gaspar e Baltasar estará formada por seis carrozas, das que unha delas será nova, e nelas irán corenta nenos e nenas. Este ano, ademais, haberá unha sorpresa, xa que uns muñecos corpóreos dunha coñecida película de Disney acompañarán ás súas Maxestades de Oriente.

A cabalgata saíra ás 18:00 horas do muelle norte de Celeiro e percorrerá a rúa Ramón Canosa para cruzar a Ponte da Misericordia, cara ao Paseo Marítimo, saíndo á altura de Grallal, continuando pola Avda. de Cantarrana, a Variante e a Praza de Lugo, finalizando na Pescadería.

Igual que en anos anteriores, o Divertren acompañará á cabalgata. Sairá tamén ás 18:00 horas dende a piscina municipal, é de acceso libre ata completar aforo e os nenos deben ir acompañados dun adulto.

Ao finalizar o percorrido, os Reis Magos falarán a todos os presentes dende o balcón da biblioteca municipal e recibirán aos nenos e nenas da vila na sala de xuntas da casa do Concello de Viveiro. Todos os caramelos que se repartan na cabalgata serán sen glute.

“Estamos preparados para recibir aos Reis Magos, cunha tarde chea de maxia e ilusión que sorprenderá aos nenos e nenas de Viveiro”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.

Debido á celebración da cabalgata, vanse restrinxir estacionamentos na zona de carga e descarga da Travesía da Mariña e na Avda Benito Galcerán, fronte ao colexio San Roque. Durante o transcurso da mesma, haberá cortes de tráfico momentáneos e desvíos por vías alternativas.

Para garantir a seguridade dos centos de persoas que asistirán á cabalgata, o Concello de Viveiro ten preparado un dispositivo especial integrado por membros da Policía Local e Protección Civil, que se encargarán de velar polo correcto desenvolvemento do evento.

Finalmente, dende o concello quérese agradecer publicamente a colaboración da Banda da Misericordia e de Sala 5 para o desenvolvemento da cabalgata.

Exit mobile version