Cervo, 29 de xaneiro de 2020. O BNG lamenta que o orzamento municipal para 2020 veña a confirmar o que vimos dicindo desde fai tempo: o Partido Popular non ten proxecto para Cervo, e o seu único obxectivo é aferrarse ao poder cun uso claramente partidista dos recursos e ferramentas que o goberno municipal pon ao seu dispor. Os concelleiros nacionalistas Diego Fernández e Xorxe Caldeiro, anunciaron o voto en contra do BNG ás contas para 2020 no pleno do próximo xoves, xustificando esa decisión no continuísmo, na falta de iniciativa, na opacidade orzamentaria e o desmesurado gasto en propaganda e especialmente, no uso electoralista e en beneficio persoal dos recursos públicos.
Diego Fernández e Xorxe Caldeiro, explicaron que “cando o custe anual do grupo de goberno, xunto coas partidas económicas opacas e para gastos de propaganda superan a previsión de gasto en obras e investimento en servizos públicos, algo falla”. Segundo os concelleiros nacionalistas non parece normal que un goberno, cos anos que leva exercendo o PP en Cervo, sexa incapaz de prever en que van gastar mais de 200.000 euros que figuran no orzamento en diferentes capítulos coa denominación de “outros gastos diversos”, polo que ou non saben que facer, ou tratan de enganar á oposición creando un inmenso caixón de xastre para gastar arbitrariamente no que lle conveña ao Partido Popular”, criticaron
“Os salarios e as indemnizacións do grupo de goberno, e persoal de confianza, que superará os 170.000 euros ano, non son asumíbeis nun concello das dimensións e orzamento de Cervo, como tampouco o é o enorme gasto en propaganda que ano tras ano serve ao alcalde e ao seu grupo de goberno para financiar con recursos públicos as persoas e o partido”, afirmaron.
Diego Fernández e Xorxe Caldeiro afirmaron que “os 360.000 euros que aparecen no orzamento como gasto de propaganda, ou con denominacións opacas, estarían moito mellor investidos en ampliar as redes de saneamento na zona rural, ou en dinamizar economicamente o concello, que no gasto innecesario e arbitrario ao que vai dedicar o goberno do PP eses recursos”.