Barreiros, 29 de xaneiro, 2020. Despois de máis de trinta representacións por toda a xeografía galega e do occidente asturiano, en moitas das cales houbo que colocar o cartel de “non hai entradas” (Betanzos, Vedra, Vegadeo, Rinlo,…), pódese considerar esta produción como un dos éxitos
indiscutibles do teatro afeccionado galego destes últimos anos.
Agora, e despois de todo este percorrido a Enciclopedia de Ollomao chega a Burela na que seguramente vai ser a última función na Mariña desta obra que, segundo o seu director, “tivo unha acollida moi superior ao que nós agardábamos. Desde o primeiro momento pensamos que unha obra deste tipo ía ser ben acollida polo público, pero nunca podíamos imaxinar que ata tal punto. Ver a emoción nas caras das persoas que viviron esta etapa
histórica é algo impagable. Escoitar os comentarios destas persoas ao final de cada función compensa todo o esforzo que supón sacar adiante un proxecto coma este” “Enciclopedia Álvarez” é a historia do día a día de catro nenas e catro nenos sometidos á absurda e ilóxica “des-educación” da escola franquista. Os problemas de matemáticas aos que “lles faltan datos” ou están “mal planteados”, as preguntas de catecismo que se contestan de determinada maneira “porque lo pone el libro”, as clases de ximnasia
impartidas por mutilados de guerra, as de “hogar”, para as nenas, a cargo de mulleres da Sección Femenina ou a visita do inspector da Falange, entre outras, poñen sobre o escenario algunhas das incoherencias máis notorias daquel sistema. Unha historia contada con humor, porque desde o humor é máis agradable exercer a sempre necesaria memoria histórica. Unha historia que nos axuda a comprender o absurdo dun sistema educativo autoritario e irracional. Un absurdo incrementado polo paso do tempo, pero que durante máis de corenta anos foi un dogma imposto pola forza. Unha historia que
“nos fai pensar mentres escachamos coa risa” en palabra dun dos espectadores asistentes á estrea.
Este espectáculo foi galardoado co premio Conde Santo á Mellor obra e co premio Lourenzo ao Mellor Actor Protagonista no I Certame de teatro afeccionado de Lourenzá (no que tamén estivo nominada á mellor posta en escena e á mellor actriz protagonista) e cos premios á Mellor Montaxe e Mellor Actriz Protagonista nos XXI Encuentros Teatrales de Vegadeo (Asturias). Foi tamén seleccionada para participar no IX Encontro de teatro
afeccionado de Betanzos 2018, no Festival Teatrofilia de Vedra e na Mostra Internacional de teatro amador Estenarúa de Ferrol.
A entrada terá un prezo de 5 € e poderase adquirir na billeteira do teatro desde media hora antes do inicio da función