Burela, 23 de xaneiro, 2020. Neste breve espazo de tempo á fronte da Asociación de Veciños de Burela, O Vencello, a actual directiva recibiu numerosas queixas da veciñanza no referente a atrasos nos trámites administrativos por parte da administración local.
Catro comicios electorais (eleccións xerais de abril, municipais de maio e novamente xerais en novembro, máis a repetición das votacións municipais nunha mesa electoral en novembro pasado) fixeron que o Concello permanecera paralizado en detrimento dos veciños.
A esta circunstancia hai que engadir tamén a falta de persoal municipal debido a baixas, traslados e ausencias por permisos vacacionais que ven sufrindo o Concello nos últimos meses. Esta precariedade de persoal está a provocar que áreas tan importantes para o desenvolvemento diario dun concello, como poden ser Urbanismo ou Secretaría, estean funcionando ao ralentí e acumulen atrasos considerables na tramitación de xestións claves para o desenvolvemento da vida diaria do maior núcleo de poboación da comarca da Mariña.
A Asociación de Veciños “O Vencello” de Burela confía en que os novos responsables municipais poñan freo a esta paralización que está a sufrir a actividade municipal de Burela nos últimos nove meses.
Os representantes do colectivo veciñal teñen previsto solicitar unha reunión cos responsables municipais para presentarse formalmente e amosar a súa inquedanza sobre este e outros temas que preocupan na localidade. Cren que é primordial atallar este problema canto antes porque unha localidade como Burela, que sempre se caracterizou polo dinamismo, a iniciativa, a puxanza e o emprendemento, non se pode permitir o luxo de permanecer paralizada preto dun ano. Por iso, ofrecen a súa colaboración ao Goberno local e confían en que esta situación poida reverter no menor tempo posible polo ben de todos os veciños e veciñas de Burela