Fagan memoria das noticias sobre a autoría dos lumes, das imaxes do servizo de extinción, dos comités da administración autonómica, ou dos foros de debate sobre os lumes, o ordenamento e a xestión do territorio. É que elas non prenden? Non apagan? Non deciden? Non reflexionan sobre os incendios forestais, as súas causas e consecuencias?
Para tentar dar resposta a estas preguntas, o equipo do proxecto Batefogo reúne neste volume achegas de diferentes autoras que, desde a súa disciplina, reflexionan sobre o papel das mulleres na prevención e extinción dos incendios forestais.
Proxecto Batefogo
O equipo do proxecto Batefogo está composto por Celsa González Ogando, Paula Lubián Fernández, Miguel Pardellas Santiago e Brais Pérez Gómez, unha enxeñeira agrónoma, dúas educadoras ambientais licenciadas en Ciencias Ambientais e un asesor especializado en cooperativas que se xuntaron un día para traballar conxuntamente na prevención dos incendios forestais con ferramentas de intervención social.
Conscientes de que as solucións á problemática dos incendios están no terreo do social, e empregando como ferramentas a educación e a participación, traballan nas comunidades máis directamente afectadas polos lumes para abordar as súas causas estruturais e deseñar colectivamente propostas de actuación.