Celanova, 4 de xaneiro de 2020. O proxecto Basket por Libros que xurdía hai tres anos no CEIP Curros Enríquez, de Celanova, da man de Xoán Vila, segue a medrar. Deu o salto nos últimos meses ao IES Celanova Celso Emilio Ferreiro, participan en total 40 nenos e nenas de ambos centros, están implicados dez mestres e contan xa con 5 patrocinadores.
Basket por Libros naceu para promocionar o baloncesto e a lectura. O que fan os rapaces e rapazas é pagar a súa asistencia a clases de basket lendo libros. Na actualidade son 40 @s nen@s que se dan cita nesta iniciativa, agrupados en tres categorías: benxamín, alevín e infantil.
O coordinador de Basket por Libros, Xoán Vila, natural de San Miguel de Reinante, explica que “temos adestramentos todos os días da semana de luns a venres, nas nosas instalacións do colexio Curros Enríquez. Os infantís, que son os que están no IES Celanova Celso Emilio Ferreiro, leen un libro específico ao trimestre dentro do club de lectura. Estes rapaces teñen a obriga de pertencer ao devandito club do centro para participar na actividade. E o benxamíns e alevíns, os nenos e nenas do CEIP Curros Enríquez, teñen que ler un libro ao mes e despois cubrir a ficha de lectura para o noso rexistro”.
O baloncesto e a lectura tamén teñen o seu oco nun programa de radio que realizan os alevíns e infantís na emisora do colexio.
Basket por Libros conta con cinco patrocinadores ao que Xoán Vila lles agradece a aposta realizada por esta actividade. Trátase de Librería Conde, Zapatería Brincos, Pungin Sport, Joyería Muíños e Galia Fisioterapia.
Vila Oural tamén destaca a implicación de Rosa Espinosa, coordinadora do CB Allariz, na realización de adestramentos e planificación deportiva deste proxecto. Así como a participación dos mestres do Curros Enríquez: Lucía Domínguez e Iolanda Vaz, que se encargan de controlar e rexistrar as lecturas; Jorge Emilio Bóveda e Nervi Siñeiro, no programa de radio; Óscar Rodríguez, director do colexio, que fixo a xestión para habilitar o pavillón para a práctica do basket; e Fernando Martínez, que estes anos pasados estivo na dirección do obradoiro de madeira, como actividade integrante e paralela a Basket por Libros. Os profesores do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro que están a participar no proxecto son: Teresa Devesa, que se encarga do club de lectura e do programa de radio; Irma Fernández, da biblioteca; e Adrián Fernández, que é o director do instituto e que realiza tarefas de coordinación xunto a Xoán Vila.
Precisamente Adrián Fernández relata como chegou Basket por Libros ao seu centro: “a nós chegounos este proxecto porque era unha iniciativa que xa empezou o colexio a través de Xoán Vila, entón como os seus alumnos/as veñen facer a ESO onde nós, falamos o curso pasado de darlle continuidade, pero a idea orixinal é de Xoán. Para os rapaces é algo coñecido que xa facían antes e estamos a traballar en realizar actividades conxuntas. Os nenos están encantados co tema da lectura. O único requisito que lles puxemos era participar no club de lectura. Están respondendo moi ben, están traballando coa profesora encargada e están encantados coas lecturas. Parece unha mestura rara en principio, pero casa ben.”
Fernández García sinala que “no IES estamos involucrados neste primeiro ano o profesor de educación física, a profesora encargada do club de lectura e eu como nexo de unión entre os dous. Este ano queríamos botalo a andar para que o vindeiro curso sexa máis coñecido”.
O director do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro insiste “na colaboración que hai entre o colexio e o instituto. Queremos que os nenos vexan que a vida do instituto é algo normal, cada vez chegan antes onde nós. Esa colaboración que hai é moi importante para que os nenos non se atopen con todo novo cando chegan ao instituto. No CEIP teñen un profesor para eles, no instituto teñen un profesor para cada materia, están con alumnos de 17 e 18 anos, e para eles é un cambio. Sen embargo con este tipo de actividades xa van meténdose na dinámica e no día a día do centro”.