A concelleira Inmaculada Nespereira firma a moción na que o grupo que ten por portavoz a Óscar Rodríguez propón, por un lado, que o Concello, por medio dos correspondentes departamentos técnicos, efectúe un estudio para crear un acceso ás bancadas para persoas con mobilidade reducida. Unha vez feito ese estudo, os populares queren que o goberno presidido por María Loureiro adopte as medidas precisas para a creación de dito acceso. O PP di que se economicamente no se pode levar a cabo esta obra neste momento, que se inclúa nos presupostos para o actual exercicio económico, aínda sen aprobar.
Argumentan os populares que «a mellora da calidade de vida de toda a poboación e, especialmente, das persoas con mobilidade reducida foi e segue sendo un dos obxectivos fundamentais da actuación pública pola que foi aprobada a Lei 8/1997, de 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, a cal foi desenvolvida polo Decreto 35/2000, de 28 de xaneiro». Igualmente, din que «sen lugar a dúbidas esta normativa implicou un importante avance, pero é necesario seguir avanzando para conseguir unha sociedade inclusiva e accesible que garanta a autonomía das persoas, evite a discriminación e favoreza a igualdade de oportunidades para todos os cidadán».
Os edís populares recordan que o Centro Superior de Deportes di, con respecto ás instalacións deportivas, que «as bancadas deben ter unha zona accesíbel e apta para espectadores en cadeira de rodas, reservándose 1 praza/200 espectadores… ». A maior abundamento, lembran que «seguindo os obxectivos da Convención das Nacións Unidas, a Unión Europea, elaborou a Estratexia 2010-2020, co obxectivo de que todas as persoas con discapacidade poidan disfrutar dos seus dereitos e beneficiarse plenamente da súa participación na sociedade».