Viveiro, 17 de xaneiro de 2020. A desidia institucional no mantemento dos espazos públicos xera incomodidades e perigo para os cidadáns. Iso é o que ocorre no entorno do centro de saúde de Viveiro. O aparcamento carece de iluminación durante a noite e o pavimento da rúa Camiño do Matadoiro énchese de auga a causa do deficiente estado dos sumidoiros cando chove. Moi preto, un recinto para que xoguen os rapaces é un foco de perigo, polo mal estado do seu peche metálico. Os concelleiros populares presentarán unha iniciativa plenaria para instar ao goberno presidido pola socialista María Loureiro a corrixir as deficiencias que apuntan.
O portavoz popular no Concello de Viveiro, Óscar Rodríguez, di que o goberno que dirixe María Loureiro ten en estado de abandono numerosas zonas da cidade. Unha delas é o entorno do centro de saúde. Para este concelleiro popular, é inaudito que o aparcamento non teña iluminación pola noite, o que implica unha notable falta de seguridade para os usuarios dese espazo. Censura Rodríguez tamén o feito de que o pavimento da rúa Camiño do Matadoiro énchese de auga cando chove, debido, posiblemente, ao deficiente estado dos sumidoiros, o que ocasiona problemas tanto aos veciños como aos titulares de establecementos públicos; sería criticable, di, en calquera punto de Viveiro, pero moito máis no entorno do centro de saúde.
Por outro lado, Rodríguez avisa do perigo que supón o mal estado do peche do recinto para xogos dos rapaces, nas inmediacións do centro de saúde. O peche metálico perimetral ten rotos, soltos ou faltan numerosos arames, o que constitúe un evidente risco para os rapaces. Reclama do goberno municipal a adopción das medidas necesarias para corrixir tal situación.