Lugo, a 30 de xaneiro de 2020. Aínda que o PSOE ten demostrada unha inaudita capacidade para dicir unha cousa mentres fai a contraria, poucos lucenses eran capaces de supoñer que o presidente da Deputación, José Tomé, e o resto dos membros do grupo socialista, votarían no pasado pleno da corporación provincial contra unha moción para reclamar ao Goberno presidido por Pedro Sánchez compromisos claros en canto á terminación das obras do AVE, melloras nas infraestruturas e material rodante convencionais, así como para manter a venda presencial de billetes en todas as estacións. Pero votaron en contra, si, desoíndo o aviso do PP, firmante da moción, de que tal posición non sería entendida pola gran maioría dos lucenses. E así é. Os membros do Grupo Provincial Popular sinalan que nada hai de sorprendente nesta decisión se se mira un pouco cara atrás e se bota man da hemeroteca. Nun acto preelectoral en Lugo, en outubro do ano pasado, o ministro de Fomento, José Luis Ábalos, anunciou, segundo recolleu o xornal El Progreso: «Lugo estará conectado con la alta velocidad en 2021». Algo que a estas alturas está demostrado que é case un imposible; só facendo gala da mellor vontade interpretativa, cabe esperar que se cumpran as afirmacións do Goberno de que o AVE chegará a Galicia en 2021; pero, aínda que así fora, chegaría a Galicia, que non a Lugo. O certo é que o ministro de Fomento pasou estes días por Galicia, deixando un regueiro de incumprimentos e sen responder a nin unha soa das cuestións pendentes da súa responsabilidade. No que se refire ao AVE, hai un retraso cuxas causas o ministro non explica aos galegos con claridade.
Os populares lucenses consideran que o socialista Tomé, con solemnidade impropia do caso, asegurou ao fío da recente sesión plenaria da Deputación, que o Goberno está cumprindo os seus compromisos en relación con AVE a Galicia. Fixo tal afirmación aínda sendo plenamente consciente, como todos os galegos, de que non é así; se alguén quere facelo, ten fácil aplicar a denominación que se da a quen fai iso. O que dixo sería máis que cuestionable en calquera caso, pero moito máis despois do baile de fechas (primeiro 2019, seguidamente 2021, logo 2022 e de novo 2021) á que, como cortinas de fume, someteu o Goberno aos galegos. No 2021 o AVE non chegará a Lugo e a conexión Lugo-Ourense estará limitada na práctica polos mesmos problemas que ten a día de hoxe, aínda facendo un gran esforzo de credulidade sobre a execución das obras anunciadas. A deputada provincial popular Dolores Castro avisou sen resultado no debate de que os membros da corporación provincial son todos alcaldes e concelleiros e teñen a obriga de dar prioridade ao interese xeral fronte ao interese de partido. O presidente Tomé e o resto do seu grupo, como ocorre con moita frecuencia no PSOE, foron incapaces de entender tal aviso. Ata o Bloque apoiou a moción, que saíu adiante, para reclamar ao Goberno un cronograma realista para a finalización das obras do AVE e a súa posta en servizo, así como para abandonar a intención de suprimir a venda presencial de billetes nalgunhas estacións e mellorar as infraestruturas e o material rodante.
A reclamación dun cronograma para as obras do AVE é especialmente importante, por máis que ao socialista Tomé non llo pareza; moito máis despois da recente visita de Ábalos a Galicia. Porque o ministro comprometeuse cos galegos a rematar as obras a finais de 2019 e agora di que vai intentar que empece a funcionar en 2021. O caso é que comeza febreiro de 2020 e continuamos sen contar con información oficial sobre cando van rematar as obras do AVE a Galicia e cando imos poder coller o AVE. E para facer menos crible as afirmación do Goberno, o informe elaborado por técnicos da Xunta di que hai un retraso acumulado que dificulta que o AVE se poña en servizo antes do 2022; que casualidade que esta fecha coincida coa dada pola ministra de Exteriores e coa que figura no recente comunicado da Comisión Europea: 2022.
Os deputados populares sinalan que, así as cousas, o presidente da Deputación, José Tomé, demostra sen dúbida unha grande fidelidade ao partido e ao Goberno presidido por Pedro Sánchez pero moita menos aos lucenses. Acusa ao PP de usar “de manera torticera” os problemas do ferrocarril para montar «espectáculo». O espectáculo é o que monta o Goberno co AVE, en concreto, e co ferrocarril en xeral, en Lugo e no resto de Galicia. O verdadeiro espectáculo foi ver ao presidente da Deputación negándose a reclamar melloras no ferrocarril na provincia.