Así o explican os concelleiros populares, Manuel Rouco e Yovana Oroza, tras manter unha reunión co parlamentario autonómico, Daniel Vega. Os populares puideron comprobar in situ, con gran sorpresa, que “a comezos desta semana os usuarios do tren non contaban co servizo de venda de billetes de forma presencial na única estación intermodal de toda A Mariña; pero, ademais, a máquina expendedora que, en teoría, tiña que estar en servizo, contaba cun cartel que convidaba aos usuarios a mercar os mesmos no propio tren”.
Segundo as últimas noticias recibidas, explican os populares, “o Goberno Central rectifica, cando menos ata finais de marzo, para volver a habilitar a venda directa de billetes de tren na estación intermodal de Burela. Unha boa nova para a vila, a medias, entre tanto sen sentido”.
O binomio PSOE-BNG mantén a parálise institucional de Burela
Os concelleiros bureleses do PP engaden, por outra banda, que o “binomio PSOE-BNG continua coa parálise institucional de Burela a conta dos seus sospeitosos intereses persoais, os cales, intencionadamente, se están encargando de ocultar aos veciños e veciñas de Burela”, segundo consideran.
Dende o PP de Burela pregúntanse “que é o que teñen que ocultar e se a súa falta de entendemento será porque hai moi poucas cadeiras con dedicacións para tanto concelleiro interesado destas dúas formacións. Parece que o único que lles importa é isto e non o ben común dos bureleses e das burelesas”, subliñan dende o PP.
Nese sentido, os edís populares critican que “levan meses, supostamente, negociando; e, polo tanto, alongando a parálise institucional da vila de Burela, tratando de arranxar no tempo de desconto esas loitas de poder interesadas que o único que fan é prexudicar os intereses dos veciños e veciñas do noso pobo”.