Ourol, 28 de xaneiro de 2020.- O portavoz do Grupo Municipal Popular, José Hermida, destacou o investimento da Xunta de Galicia no municipio que só en 2019 superou os 2 millóns de euros en achegas directas en beneficio das veciñas e veciños da localidade.
Hermida sostivo que a Xunta “é a administración pública que, con gran diferencia, máis inviste en Ourol” impulsado achegas clave para o desenvolvemento futuro deste municipio ou para o sostemento dos principais servizos públicos.
As achegas máis relevantes da Xunta correspóndense co Fondo de Compensación Ambiental (226.000 euros) e co Fondo de Cooperación Local (173.000 euros). En ambos casos contribuíron a financiar diversas obras e servizos tales como a mellora dos centros sociais de Merille e Xerdiz, adquisición de maquinaria de poda e melloras nas estacións potabilizadoras.
No ámbito do servizos sociais o Goberno galego destinou case 79.000 euros a financiar o servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia e 19.600 euros máis ao sostemento da nova Casa Niño, na que se atende a nenos de 0 a 3 anos e que, grazas ao apoio da Xunta é cen por cen gratuíta para as familias usuarias.
Outro dos aspectos nos que se centrou gran parte do investimento da Xunta foi no medio rural, con achegas próximas aos 200.000 euros en axudas para novas incorporacións, plans de mellora e pequenas explotacións, e 300.000 euros adicionais en axudas da PAC.
Tamén no ámbito do emprego destacan os apoios á industria madeireira local, con achegas por máis de 400.000 euros a través da Axencia Galega da Industria Forestal e o financiamento do obradoiro de emprego que comparte con Vicedo e Muras e que supuxo unha achega da Xunta de 336.000 euros
Con todo a estas achegas terían que engadir outros apoios, como son o sostemento do centro de saúde local, que teríamos que sumar á cifra de 2 millóns de euros de investimento.