Viveiro, 31 de xaneiro de 2020. Con frecuencia aparece atribuída a Lincoln a afirmación de que «hai momentos na vida de todo político en que o mellor que pode facer é no despegar os labios». No PP de Viveiro sospeitan que, coñecendo ou non, dito consello, a alcaldesa, María Loureiro (PSOE), ten tal modo de actuar como un dos principios fundamentais da su maneira de estar en política. Porque só así se pode entender, por exemplo, que non convocara, sen dar explicacións, sesión plenaria ordinaria no mes que hoxe remata, pese a que se queixa con moita frecuencia de que nas ordes do día dos plenos hai moitos asuntos e, polo tanto, as reunións duran moito.
O portavoz popular, Óscar Rodríguez, recorda que no réxime de sesións plenarias establecido no Concello figura que haberá unha ordinaria cada mes, salvo en agosto. Rodríguez critica que a alcaldesa non convocara pleno en xaneiro. E, a maiores, censura á presidenta da corporación que non dera unha explicación convincente do porque de tal carencia.
Para o grupo municipal do PP é inexplicable que non houbera pleno en xaneiro. Moito máis inexplicable á vista das frecuentes queixas de María Loureiro, e de membros do seu grupo, polo tarde que rematan moitas sesións. Se rematan tarde, destaca Rodríguez, é porque hai moitos asuntos na orde do día. Pois ao quedar sin celebrar a sesión correspondente a un mes, está claro que aumentará o número de asuntos para a seguinte.
En todo caso, os populares consideran que a non celebración da sesión de xaneiro deixa de manifesto o déficit de xestión do equipo de goberno que preside María Loureiro, e, como consecuencia, os problemas que se xeran para os veciños a causa da dilación no tempo da toma de decisións.
Os concelleiros populares reclaman ao goberno municipal explicacións pola falta de sesión plenaria en xaneiro e confían en que a alcaldesa evite queixarse no seguinte pleno dos moitos asuntos que figuran na orde do día. Óscar Rodríguez destaca que Manuel Fraga dicía, recordando a Voltaire, que «traballar é vivir» e recomenda á alcaldesa: máis traballo no día a día e, cada mes, pleno ordinario.