Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo sinala que “a proposta de orzamento presentada polo goberno local do BNG evidencia a súa parálise”

Ribadeo, a 29 de xaneiro de 2020.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo lamenta “a mala xestión do goberno local do BNG” tal e como demostran “as inversións previstas para o exercicio 2020 na súa proposta de orzamento que presentan para a súa aprobación no vindeiro pleno”. Así o sinala a concelleira de Economía, Begoña Sanjurjo, que denuncia “a parálise do goberno de Fernando Suárez” que demostra que “non hai xestión de cara á procura de investimento por parte doutras administracións”.

Concretamente, a edil popular explica que “as inversións previstas ascenden a 814.500 euros dos cales case 650.000 van ser costeados a través de préstamos facendo que a débeda do Concello aumente”. Do resto, apunta “35.000 euros son de Leasings e 80.000 asúmeos a Xunta para a redacción do PEPRICH. O Concello ten previsto aportar uns 980 euros”, engade.

Sanjurjo apunta tamén que “ler o anexo que inclúe as inversión inicialmente previstas deprime a calquera” porque evidencia que “os que xestionan a administración local non son capaces de conseguir que ningunha administración invista no noso concello”. De feito, “a cifra prevista de investimentos por parte da Deputación e do Estado é de 0 euros nos dous casos”.

“Pola contra, si recollen o investimento que a Xunta destinará á redacción do PEPRICH. Volve a ser curioso que a administración que segundo Fernando Suárez é a culpable de todos os males dos ribadenses sexa a única que ten inversións previstas”, explica a popular.

Endebedamento de 1,4 millóns de euros
Sanjurjo sinala tamén que “o endebedamento previsto para o ano 2020 fará que o noso Concello pase a ter una débeda total de case 1,4 millóns de euros. Segue sendo curioso que os que presumen de sanear as contas do Concello fagan medrar o montón dos cartos que debemos. Isto prodúcese pola súa falta de traballo, ou por un traballo ineficaz, para buscar financiamento procedente doutras administracións”.

Polo tanto, dende o Grupo Municipal Popular consideran que esta proposta que o equipo de goberno ribadense levará ao vindeiro pleno para a súa aprobación “fala moi mal do goberno do BNG”.

Exit mobile version