Lugo, 16 de xaneiro, 2020. O PP de Lugo pídelle ao Partido Socialista “máis respecto” e que non volva a empregar unha administración pública para facer actos de partido. Así o indican logo de que o secretario xeral dos socialistas galegos acudise a Fonsagrada para manter nas dependencias do propio Concello un encontro de carácter partidista e con membros desta formación.
“Entendemos que os medios públicos non son nosos e non poden usarse para intereses políticos. Parece mentira que o Sr. Caballero e o resto de socialistas se presten a este tipo de actuacións”, sobre todo, indican, porque o responsable do PSdeG non ten ningunha responsabilidade gobernamental que o avale para facer un encontro deste tipo en ningún lugar de Galicia.
Facer algo así é para os populares un “exemplo de prepotencia e de arrogancia”. É por elo que lle recomendan “máis humildade política, pois non por moito apurar se chega antes aos cargos”, remarcan.
“De principiantes en política”
Logo do sucedido, os populares ven aos socialistas galegos e lucenses “algo nerviosos”, xa que “caer neste tipo de erros é case que de principiantes en política”.
“A día de hoxe Gonzalo Caballero aínda non ten a capacidade para facer algo nin por este municipio, nin pola comarca, nin pola provincia, nin por Galicia. Por ter, nin tan sequera tivo uns bos resultados en Fonsagrada nas municipais, xa que a forza máis votada neste concello foi o Partido Popular; algo que parece que se lle esqueceu á hora de facer esta convocatoria”, conclúen.