Lourenzá, 18 de xaneiro, 2020. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Lourenzá, Javier Rodríguez Barrera, condena que “o goberno local nos queira facer cómplices do intento de legalización dunha obra pola porta de atrás. É inmoral”. O popular censura que “o goberno do PSOE abra este procedente gravísimo” trala aprobación en pleno -cos votos a favor do PSOE e abstención cómplice do BNG- da recualificación do núcleo rural de O Bordón que permite legalizar unha construción privada cando a licenza municipal solicitada e concedida era para “obras de rehabilitación de vivendas” e non para “a obra nova que se pode ver na web de Catastro”.
Rodríguez Barrera advirte que “no caso de querer construír obra nova, sería necesario modificar a cualificación do solo antes de comezar os traballos, unha fórmula legal segundo a normativa vixente, e non despois”. Polo tanto, o popular explica que “o Grupo Municipal Popular votou en contra” porque “consideramos que, con isto, o goberno local está a trasladar aos veciños e veciñas que se pode pedir licenza para unha cousa e logo facer o que queiran”.
Nesa liña, o voceiro popular esíxelles aos socialistas que “melloren os mecanismos para que isto non volva suceder” e que se limiten a “cumprir coa lexislación vixente como é a súa obriga como responsables da administración local” á vez que “empreguen as súas competencias para a mellora da vida dos veciños e veciñas”.
De feito, Rodríguez Barrera advirte que “esta recualificación pode afectar negativamente aos veciños que levan toda a vida asentados na zona á hora de ampliar as edificacións da súa explotación gandeira”. Nese sentido, o popular critica que “dende o goberno local non explicaran esta situación aos veciños da zona” e, polo tanto, que “non os tiveran en conta”.
Os populares laurentinos quixeron deixar claro que “o último que queremos é que tiren a vivenda porque cremos que non molesta a ninguén, que está mellor que o que alí había antes -unhas ruínas cheas de maleza-, e que pode aportar algo a Lourenzá”. Con todo, lamentan a actuación do goberno municipal do PSOE á hora de permitir esta recualificación nun caso no que ten aberto un expediente a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) coa que o Concello ten asinado un convenio para velar pola aplicación da normativa urbanística vixente.