Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP apoia aos traballadores de Alcoa na concentración en Madrid

 Madrid, 22 de xaneiro, 2020. O PP apoia decididamente aos traballadores de Alcoa na concentración convocada hoxe diante do ministerio de Transición Ecolóxica e do Congreso dos deputados. Tal é así que o vicevoceiro do Grupo Provincial, Javier Castiñeira, e os alcaldes de Cervo, Xove e O Vicedo, Alfonso Villares, Demetrio Salgueiro, e Jesús Novo, respectivamente, acompañaron dende a Mariña aos afectados que partiron dende esta zona en autobús cara a capital de España para reclamar ao Goberno a aprobación do estatuto electrointensivo, e garantir así a produción de Alcoa San Cibrao, así como os empregos existentes. Á concentración, sumáronse tamén José Manuel Balseiro e o senador José Manuel Barreiro que xa se atopaban en Madrid co gallo da celebración de Fitur.

Javier Castiñeira destaca a necesidade de que o Executivo de Sánchez “deixe de mentir”, pois esta anunciou que no primeiro Consello de Ministros se aprobaría o ansiado documento, pero “a día de hoxe, e, por tanto, nin no primeiro, nin no segundo, se aprobou”.

Ata agora os socialistas xustificaban a súa inacción en que o Goberno estaba en funcións para non desenvolver este documento que sería a solución para que desaparecese a ameaza de peche que pesa sobre a factoría mariñá dende hai meses. Pero o certo é que o reparto de áreas xa está realizado dende hai semanas e o único que ofreceu o Executivo foi, novamente, unha declaracións de intencións sen concretar as medidas que prevé levar a cabo, nin os prazos das mesmas.

“Para a Mariña Alcoa é irrenunciable. Por iso, quixemos acompañar aos traballadores que xa non se conforman con promesas. Estamos nun momento crítico. É necesario que se fixe un prezo xusto para a enerxía, pois nin se aprobou o estatuto, nin se tiveron en conta as medias complementarias propostas pola Xunta de Galicia”, manifesta Castiñeira.

Apoio constante do PP
Coa presenza de Javier Castiñeira, os alcaldes, Balseiro e Barreiro, o Partido Popular continúa co seu apoio constante aos traballadores de Alcoa. Tal é así, que distintos cargos institucionais e orgánicos veñen participando activamente en todas as concentracións convocadas polo comité de empresa. Ademais, os populares presentaron mocións nos Concellos da Mariña, así como no Parlamento de Galicia, no Congreso dos Deputados, no Senado e na Deputación, instando ao Goberno Central e ao Partido Socialista a que deixe de “poñerse de perfil” e garanta a continuidade da multinacional.

Exit mobile version