Ribadeo, 29 de xaneiro de 2020. O orzamento do Concello de Ribadeo para 2020 ascenderá a máis de 9 millóns de euros, segundo deu a coñecer hoxe o concelleiro de Economía, Pablo Vizoso. O presuposto irá a pleno a vindeira semana. A partida destinada a gastos sociais increméntase de xeito notable. Vizoso Galdo asegura que son uns orzamentos equilibrados que cumpren coas esixencias normativas de límite de gasto, de estabilidade e de débeda.
O edil de Economía explicou que “onte celebramos no Concello varias comisións informativas e nunha delas presentamos o proxecto de orzamentos para o 2020. Estes orzamentos ascenden a algo máis de 9 millóns de euros. E deles eu destacaría o incremento notable das partidas de gastos sociais, que en total suman máis de 1.400.000 euros para incrementar tamén o Servizo de Axuda no Fogar para persoas dependentes, que se ve aumentado en usuarios, en horas de atención e no custo por hora; para atender os gastos de mantemento da nova residencia de maiores e do asilo ou para as actividades sociais para persoas maiores, singularmente nas parroquias. Tamén se contempla a licitación do punto limpo e da recollida selectiva, a limpeza de inmobles do Concello, a telefonía, etc, o que implica que este capítulo dos orzamentos se vexa incrementado case un 9% con respecto ao ano anterior”.
Pablo Vizoso dixo que “reservamos partidas para a adquisición de terreos e expropiacións para actuar sobre o desenvolvemento urbanístico en zonas da vila, tamén para a reposición e urbanización de rúas e espazos públicos, para infraestruturas deportivas e de ocio sobre todo para a xuventude e, por suposto, para os camiños municipais da vila e das parroquias”.
O edil nacionalista subliñou que “se inclúe neste proxecto de orzamentos a simplificación do procedemento de optar a subvencións nominativas das asociación culturais, sociais e deportivas para que se lles poida anticipar ata o 80% do importe concedido e teñan menos trámites á hora de xustificar as actividades subvencionadas”.
Vizoso Galdo engadiu que “no tocante á débeda do Concello hai que sinalar que segue a manterse en niveis moi reducidos, incluso moito menos que os límites permitidos legalmente. Poderíamos incluír no apartado de ingresos cantidades superiores procedentes de transferencias doutras administración e que estimamos se visualizarán durante este exercicio, pero consideramos que é mellor ser cautos, ser prudentes e incorporar estes importes cando se asinen os convenios coa Deputación, coa Xunta ou co Estado”.
Para o concelleiro de Economía “son uns orzamentos equilibrados, que cumpren coas esixencias normativas de límite de gasto, de estabilidade e de límite de débeda. De calquera xeito, aínda que nós xa acabamos de mover ficha coa presentación deste orzamento agora agardamos a estreita colaboración con outras administración para poder levar a cabo parte destes proxectos e outros que se nos irán presentando ao longo do exercicio e do mandato”.
Axudas para a rehabilitación
Pola súa banda, o alcalde, Fernando Suárez, contou que “outro dos puntos do pleno será a proposta de abrir unha nova convocatoria de subvencións para a rehabilitación de vivendas nos espazos da área de rehabilitación de Ribadeo, que son o casco vello de Rinlo e o casco vello de Ribadeo. Dado que na convocatoria anterior quedou un diñeiro dispoñible, é unha mágoa ter que devolvérllelo á Xunta e máis ao Estado, polo tanto como aínda o prazo para facer estas rehabilitacións non remata ata novembro do ano 2021, segundo os técnicos temos tempo de abrir unha nova convocatoria con estes remanentes, con este diñeiro que quedou sen empregar, para que todos aqueles propietarios de inmobles do casco vello de Ribadeo ou do casco vello de Rinlo poidan volver presentar proxectos de rehabilitación dos seus inmobles”.