Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo do PP logra que o pleno da Deputación de Lugo aprobe instar ao Goberno central a mellorar o financiamento do sistema de atención ás persoas en situación de dependencia

Lugo, 31 de decembro, 2019. O Grupo do PP consegue que o pleno da Deputación aprobe instar ao Goberno central a mellorar o financiamento do sistema de atención ás persoas en situación de dependencia e, polo tanto, a achegar o que lle corresponde nesta materia e que na actualidade supón “unha débeda de 200 millóns de euros coa comunidade autónoma de Galicia”, segundo recordou a voceira popular, Elena Candia.
Con 24 votos a favor saía adiante a proposta que a presidenta provincial do Partido Popular defendeu apelando ao “espírito de reivindicar o que é noso e defender o que é bo para a provincia” que imperou na sesión plenaria da Deputación de Lugo. A popular lembrou, neste último día do ano, “a importancia para preto de 10.000 familias da provincia de apoiar esta iniciativa” porque se trata “dun asunto de especial transcendencia para a nosa provincia que conta cunha importante cantidade de persoas maiores, cun progresivo envellecemento da poboación e cunha cifra de persoas en situación de dependencia que medra cada ano e que alcanza as 10.000”.
Candia asegura que a coñecida como Lei de Dependencia foi “un avance moi importante para o noso país”, pero considera que “todos os avances sociais teñen que vir acompañados de compromiso de financiamento que permita garantir este tipo de servizos do noso Estado do Benestar” e, polo tanto, “é imprescindible ter recursos”.
É por iso polo que o Grupo Provincial do PP propón que o Pleno da Deputación de Lugo acorde “instar ao Goberno de España a que se comprometa ao cumprimento da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de protección da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, en relación coa distribución en materia de financiamento e, en consecuencia, dea os pasos precisos para igualar a súa achega á da Xunta de Galicia, incrementando os recursos ata chegar ao 50% dos fondos dirixidos a tal fin”.
Candia dixo que “non se entendería que o PSOE, despois de participar na aprobación da Lei da dependencia non fose o que garantise os recursos para o mantemento dos servizos”. Por iso, dende o Grupo Provincial do Partido Popular pedimos hoxe aquí que o Goberno central cumpra o esixido por lei e se garanta a continuidade dos traballadores e traballadoras -fundamentalmente- dos servizos de axuda no fogar e dependencia nos concellos que, ademais do servizo asistencial que lles permite aos usuarios permanecer nos seus fogares, prestan apoio psicolóxico e social.
Igualmente, Candia fixo fincapé na necesidade de recibir os recursos que se adebedan para “non poñer en perigo a estabilidade orzamentaria de tódalas administracións locais e, especialmente, dos Concellos máis pequenos”.
En relación á emenda de engádega proposta polo Grupo Socialista, a voceira dos populares manifestou que “a Xunta de Galicia xa está a cumprir a lei de servizos sociais” e, máis concretamente, “foi o Partido Popular o que propuxo engadir á lei o artigo 64 bis da Lei 13 de 2008”. Polo tanto, Elena Candia asegurou que “non tería ningún sentido non aceptar esa emenda. Galicia ten que reivindicar o que é seu, pero predicando co exemplo”.
Casona do Incio
Entre o público asistente á sesión plenaria da Deputación Provincial atopábanse veciños e veciñas interesadas na restauración da Casona do Incio que incluso amosaron carteis reivindicativos dende as tribunas do salón de plenos que o presidente lles pediu retirar, cousa que fixeron.
A este respecto, a voceira do PP formulou unha pregunta para saber se se respecta o compromiso orzamentario adquirido no 2019. Así mesmo, a popular interesouse polos plans do goberno bipartito da Deputación con respecto a este edificio.
Despois de que dende o goberno provincial responderan que a Casona é patrimonio de SUPLUSA -que se atopa en liquidación- e que pretenden agardar a que culmine o proceso para tomar as correspondentes decisións; Candia asegurou que “non podo entender que a Deputación non teña unha folla de ruta para O Incio”. A ese respecto, lembrou a voceira do PP que “antes da liquidación de SUPLUSA, xa se decidira que se manterían os compromisos adquiridos cos Concellos”.

Exit mobile version